Manuel Rouco será o candidato do PP á Alcaldía de Burela

AMariñaXa
Manuel Rouco será o candidato do PP á alcaldía de Burela
PP Burela Manuel Rouco
23 Feb 2023

O candidato do Partido Popular de cara ás vindeiras eleccións municipais no Concello de Burela será Manuel Rouco. A proposta, acordada por unanimidade polo comité local, foi apoiada pola dirección provincial.

O actual portavoz municipal e presidente do PP local amósase “agradecido pola confianza e con moitas ganas de traballar por Burela”. O popular avanza que “temos un proxecto realista de presente e de futuro para a nosa vila” co que  “recuperar o que Burela non debeu deixar de ser durante os anos de desgoberno socialista”.

Rouco considera “fundamental” facer unha correcta “xestión do día a día da vila”. Nese sentido, se consegue o apoio dos veciños e veciñas na cita coas urnas do vindeiro 28 de maio “gobernaremos de cara á xente e non de costas aos intereses dos veciños e veciñas de Burela”, en referencia ao actual goberno.

“Burela ten que recuperar a súa hexemonía na comarca” e para iso “é necesario fomentar a súa dinamización socioeconómica, políticas para favorecer a creación de emprego e o asentamento da poboación; ademais de garantir os servizos aos veciños e veciñas”, expón o popular que se compromete a traballar nesa liña.

De feito, como voceiro leva catro anos fiscalizando a falta de acción do goberno local xunto aos compañeiros do Grupo Municipal Popular, “os únicos que estamos a facer durante este mandato labor de oposición e que, ao mesmo tempo, propoñemos alternativas para solucionar algúns dos problemas do pobo de Burela”.

Rouco ten 46 anos e conta con distintas titulacións universitarias do eido da enxeñería agrícola. A súa actividade profesional está relacionada coa dirección e execución de proxectos de infraestructuras en diferentes ámbitos.

0.20398902893066