Manuel Rouco critica a falta de transparencia e a actitude da alcaldesa de Burela no último Pleno

O portavoz do PP de Burela, Manuel Rouco, criticou duramente á alcaldesa, María López Moreno, durante o último Pleno, sinalando a súa falta de transparencia, regulamentación específica e respecto aos informes dos técnicos municipais. Segundo Rouco, estas son as liñas mestras da política que a rexedora está a desenvolver durante o seu mandato.
Rouco destacou que, dende o inicio do mandato, o Partido Popular vén denunciando que o portal de transparencia do Concello non se actualiza, deixando aos veciños e veciñas sen acceso ás actas das xuntas de goberno e dos plenos, impedindo así que poidan coñecer as decisións que se toman no municipio. Este tema foi tamén abordado durante o último pleno, onde, segundo Rouco, a falta de transparencia quedou de manifesto.
En canto á regulamentación do teletraballo no Concello, o portavoz popular insistiu en que a alcaldesa amosou unha postura autoritaria. Rouco explicou que o Grupo Municipal Popular propuxo unha norma para evitar tratos diferenciados entre os traballadores, pero a alcaldesa rexeitou a proposta, argumentando que ela mesma decide quen pode teletraballar, debido á súa responsabilidade sobre os recursos humanos do Concello. O PP subliñou que a súa proposta tamén pretendía que os veciños puidesen saber os días e horarios en que podían dirixirse a determinadas áreas do Concello para realizar as súas consultas.
Ademais, Rouco lamentou a actitude da alcaldesa ao non admitir a crítica dos técnicos municipais, a quen supostamente respecta. Isto, tras a súa decisión de levantar os reparos incluídos no informe de Intervención de finais de 2024, que facía referencia ao pagamento de facturas por un total de máis de 170.000 euros. Segundo o PP, esta acción contradí aos técnicos, que mostraban reservas sobre o procedemento.
Rouco finalizou a súa intervención acusando a López Moreno de non ser capaz de admitir as críticas á súa xestión, o que, segundo o popular, "demostra a súa falta de vontade de mellorar a xestión do Concello e a súa actitude autoritaria diante das suxestións e dos informes técnicos".