Mantoño Holstein, mellor granxa morfolóxica de Galicia segundo Fefriga

A gandería Mantoño Holstein, situada en San Xusto (Barreiros), vén de ser distinguida pola Federación Frisona Galega (Fefriga) como a mellor granxa por clasificación morfolóxica de Galicia, un premio que recoñece a calidade e o traballo de décadas dunha explotación familiar que xa é referente no sector.
Fundada polos pais de Saúl Dorado nos anos oitenta, a granxa mantén hoxe o espírito de dedicación e innovación que a viu nacer. Nos últimos anos, o esforzo en selección e mellora xenética permitiulle incrementar a rendibilidade e situarse entre as máis destacadas do país.
O carácter familiar é unha das súas sinais de identidade, con tres xeracións implicadas no proxecto e unha clara aposta pola produción de excelencia. Para Saúl Dorado, este recoñecemento “é un orgullo e tamén unha motivación para seguir mellorando día a día”.
O premio de Fefriga súmase a outros logros recentes, como o segundo posto á mellor granxa por cualificación final en España en 2024 ou o terceiro lugar como mellores criadores do país, outorgado pola Confederación de Asociacións de Frisona Española en 2023.
No acto de recoñecemento, celebrado no Pazo de San Marcos, o deputado de Rural, Daniel García, destacou que Mantoño Holstein é “un referente e un modelo a seguir”, agradecendo a súa implicación en iniciativas como o programa “Da Escola á Granxa”, que achega o sector primario ao alumnado de infantil e primaria.