Mantoño Holstein abre as súas portas ao alumnado no programa Da Escola á Granxa

AMariñaXa
Medio cento de escolares de San Miguel de Reinante coñecen en Barreiros o día a día dunha granxa leiteira de referencia na provincia
Barreiros-ganderia-Mantono-Holstein-Escola-Granxa-2025
18 Dec 2025

A gandería Mantoño Holstein, situada na parroquia da Insua, no concello de Barreiros, foi este martes escenario dunha das últimas actividades formativas da cuarta edición do programa Da Escola á Granxa, impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A iniciativa volveu achegar ás novas xeracións á realidade do sector agrogandeiro a través dunha experiencia directa e participativa.

Na visita participaron arredor de cincuenta alumnas e alumnos de infantil e primaria do CEIP de San Miguel de Reinante, que acudiron acompañados pola ANPA do centro, integrada nun programa no que nesta edición se sumaron un total de 73 asociacións de nais e pais de toda a provincia. O obxectivo, segundo destacan desde a organización, é ofrecer ao alumnado un contacto real co medio rural e coas actividades que sustentan boa parte da economía local.

Guiados por Saúl Dorado, os nenos e nenas coñeceron de primeira man o funcionamento dunha granxa familiar de produción leiteira que conta con máis de 240 animais, dos cales máis de cen están en muxido. Mantoño Holstein foi recoñecida en diferentes certames polo seu traballo de selección e mellora xenética e orienta a súa produción á elaboración de queixos da firma Entrepinares.

A actividade contou coa presenza do deputado de Rural, Daniel García, e da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, que seguiron de preto as explicacións ofrecidas ao alumnado. Durante a xornada, as nenas e nenos puideron coñecer as características da corte, o funcionamento da sala de muxido e o proceso de conservación do leite ata a súa recollida, ademais de degustar algúns dos queixos elaborados a partir desta materia prima.

Daniel García fixo balance positivo da cuarta edición do programa e avanzou que se pechará “con máis de 200 actividades realizadas e coa participación de preto de 7.000 nenas e nenos de infantil e primaria de toda a provincia”. O responsable provincial agradeceu “a colaboración das granxas participantes, así como das anpas e dos centros educativos que apostan por incorporar estas experiencias á aprendizaxe”, e subliñou que “é fundamental que a infancia teña referentes e vivencias positivas para percibir a actividade agrogandeira como unha opción de futuro”.

Pola súa banda, Ana Ermida destacou o peso do sector no concello de Barreiros, tanto desde o punto de vista económico como social, e puxo en valor o traballo das ganderías locais, “que levan anos demostrando capacidade de adaptación e compromiso co territorio”.

A cuarta edición de Da Escola á Granxa contou coa participación de 45 explotacións repartidas por toda a provincia, dedicadas a actividades diversas que van desde a produción de froita e horta ata a cría de gando ou a elaboración de leite, queixos e marmeladas. O programa, dirixido ás anpas dos centros educativos, inclúe financiamento para o desprazamento e pechará a finais de ano cun total de 200 actividades e máis de 7.000 escolares participantes.

⚙ Configurar cookies
0.07669997215271