Preto de 500 persoas concentráronse fronte ao Centro de Saúde de Ourol
Unhas 500 persoas ateigaron o Centro de Saúde de Ourol en loita por un médico de familia todos os días a tempo completo. A Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello de Ourol convocaron unha concentración diante do Centro de Saúde de Ourol para denunciar a grave situación que atravesa o servizo sanitario na localidade.
Segundo traslada Montse Porteiro, portavoz da Plataforma, asistiron os alcaldes de Ourol, a teniente de alcaldesa do veciño Concello de Muras, o representante do tecido veciñal que organiza as concentracións mensuais que dende hai máis dun ano están a facerse no Vicedo na procura de médico de familia.
"A situación é dramática, falta persoal nos centros de saúde, nesta comarca con máis de 70.000 habitantes, o desmantelamento da sanidade pública está a producir un dano irreparable. En Ourol falta o médico e están substituíndo cunha persoa que vén a pasar consulta algún día da semana e durante unhas horas. No mes de xaneiro estará só cinco ou seis días e non toda a quenda", afirma a portavoz.
De igual forma destaca que os días que non hai médico, o SERGAS está a derivar cara ao Concello de Muras: "Contan cun centro de saúde pequeno, nun concello pequeno con graves problemas tamén de médicos. Aí hai pouco tempo estiveron tamén facendo concentracións por este motivo".
Desde o centro de saúde de Ourol, a Plataforma Sanitaria da Mariña, a través da súa portavoz, manifestan que queren "dicirlle a quen xestiona a sanidade que non imos parar de loitar por unha sanidade pública de calidade. Esiximos que se substitúa ao médico todos os días, desde aquí anunciamos que isto non queda aquí. Seguiremos loitando para que todos os concellos teñan a dotación de persoal que se merecen para ter unha sanidade pública de primeira".