Manel Yáñez, coordinador de proxectos europeos do IES Dionisio Gamallo: “Seremos centro mentor das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo”

AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
ies ribadeo programa escolas europeas
17 sep 2023

Por Ana Somoza López.

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo é un dos tres centros educativos galegos que son Escolas Mentoras, e un dos 51 de toda España. Manel Yáñez Dablanca é o profesor de Filosofía e o coordinador de proxecto europeos do IES Ribadeo Dionisio Gamallo.

Como é o IES Ribadeo Dionisio Gamallo?

O noso centro foi creado en 1955 e foi o segundo da provincia. O que somos hoxe é o produto da fusión en 2012 co instituto de Formación Profesional que existe na vila dende os anos 80. Somos un pequeno centro con menos de 500 alumnos, e tamén impartimos clases para adultos en réxime de educación semipresencial.

O claustro está composto dun total de 55 profesores. Cremos que a mocidade debe ser protagonista dun mundo mellor, e entendemos a educación pública como un servizo á comunidade que debe potenciar os valores persoais e académicos do alumnado e compensar as desigualdades sociais, económicas e culturais.

Con que programas conta?

Os distintos departamentos planifican de forma independente as actividades a comezo de curso e envían dita planificación á Dirección do centro. Hai unha proposta de actividades desde a Consellería de Educación que engloba diversas facetas baixo o concepto Plan Proxecta, que conta con 45 propostas de todo tipo de temática, desde a alimentación saudable, o deporte, a igualdade.

Tamén fan actividades ou programas europeos.

Si, estes supuxeron nos últimos tempos un reto importante e sobre o que descargamos unha parte importante dos nosos obxectivos. A partires do 2009 realizamos intercambios con Italia, Noruega e Alemaña. No ano 2015 conseguimos o noso primeiro proxecto Erasmus+ para formación do profesorado ‘Abrimos puertas a Europa: las buenas prácticas y las nuevas metodologías como futuro de nuestra educación’, que posibilitou a formación de varios profesores en Italia e Reino Unido.

Durante o curso 2016-2017 o centro, a través do departamento de Filosofía, participa no proxecto europeo KA3 ‘Avaliación de Competencias Transversais 2020 (ATS2020)’, un proxecto de experimentación, co-financiado pola Comisión Europea e no que participaron 17 socios de 11 países da UE, maioritariamente administracións educativas e ministerios de educación.

No 2019 rematamos o ERASMUS+ KA229, intercambios school to school, ‘El valor de la ciudadanía: la educación como fundamento del futuro en Europa’, realizado co profesorado e alumnado do Karl von Frisch Gymnasium de Dusslingen de Alemaña cos que actualmente mantemos dito intercambio.

Con que obxectivos conta toda esta educación europea?

Unha das liñas educativas do centro é a internacionalización, abrir as nosas portas a Europa, coñecer outros sistemas educativos, saber as posibilidades que podemos ter de continuar estudos en calquera outro país europeo e estar en disposición de facelo. Romper un pouco coa tendencia das noticias falsas da nosa aparente baixa de nivel en relación o resto de nacións. Situar ao noso alumnado en igualdade de condicións educativas que o resto de alumnado europeo.

Que opinan os rapaces?

A posibilidade de coñecer outros lugares e outras persoas é un aliciente que engade atractivo ao desenvolvemento normal das clases. Supón un esforzo a maiores para o alumnado pero xeralmente é aceptado positivamente. Ter opción ao longo da súa etapa no instituto de estar en contacto con países distintos e compartir tempo e actividades con outro alumnado supón un complemento fundamental na súa aprendizaxe.

Eles propoñen iniciativas?

Eles aceptan as propostas e fan o traballo correspondente. Algunhas veces son eles quen deciden en que participar ou non, pero a maior parte das veces a súa participación obedece a propostas concretas por parte dos mestres ou da dirección do centro. As familias realmente son as que levan o peso na decisión destas propostas e son tamén as que soportan as circunstancias ineludibles que conlevan estes programas.

Son embaixadores do Parlamento Europeo, que significa isto?

Pertencer ao grupo de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo serve para estimular o coñecemento de Europa e da democracia parlamentaria europea entre o alumnado, proporcionándolles un coñecemento activo da Unión Europea e, en particular, do Parlamento Europeo. Non se trata só de ensinar feitos sobre a Unión Europea, senón tamén de darlles a oportunidade de experimentar a cidadanía europea. Somos 6 institutos en Galicia dun total de 117 de España. Ademais este ano seremos centro mentor das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, un recoñecemento ao traballo realizado e un novo espazo de traballo e responsabilidade para toda a comunidade educativa.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

As actividades europeas que desenvolvemos no centro teñen o referente en proxectos ou programas que dependen directamente da UE ou de institucións subsidiarias: Modelo de Parlamento Europeo, Escolas Embaixadoras, INGalicia...), e os apoios que comparten son fundamentalmente de docencia (obradoiros, charlas,...) ou de aportación de material específico (EUROPEdirect LUGO, ou Coruña); tamén realizan un papel de intermediarios cando centros europeos queren poñerse en contacto con centros que teñen este perfil de externalización. As actividades e programas, no caso de ser específicos para o ensino contan co apoio institucional (Plans de Biblioteca, e os xa mencionados Proxecta,...).

Que necesidades teñen os alumnos?

Os tempos están cambiando e a escola debe cambiar tamén... Seguimos traballando con esquemas institucionais que deben evolucionar da mesma forma que a sociedade evoluciona. Non podemos continuar con metodoloxías decimonónicas, nin con esquemas de avaliación limitados á memorización... Debemos educar ao noso alumnado para que consiga rendabilizar as vantaxes da tecnoloxía e aplicalas á vida docente e tamén ao ámbito social. O alumnado debe ser capaz de expresarse con corrección e con contidos. A cultura non só se reduce a máquinas, senón que hai que aprender a utilizalas, incluso aprender a convivir con elas.

Aquí está hoxe en día o talón de Aquiles do ensino: temos os medios, temos os recursos, pero debemos adaptar a nosa conciencia de traballo a unha nova forma de aprendizaxe. E isto abrangue non só ao alumnado senón tamén ao profesorado, ás familias e ás instancias superiores, que son as que delimitan e marcan os contidos e os tempos de ensino.

ies ribadeo programa escolas europeas 2
0.17726016044617