Mañá será o concerto de clausura do XXXI Curso de Música de Xove
Prestoxove, a Orquestra Clásica de Xove organiza como cada ano nas datas da Semana Santa o seu esperado Curso de Música e que está a piques de rematar.
O curso está sendo todo un éxito, cunha participación de algo máis de 60 alumnos e o martes fíxose un concerto de cámara nas instalacións do antigo Colexio Público de Palmeiro.
"O curso, que na súa XXXI edición xa comezou e o concerto de cámara foi maioritariamente protagonizado polos alumnos máis pequenos", dixo Mario Eijo, técnico de cultura.
Mañá, mércores 13 de abril, será o concerto de clausura tamén ás 18:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove.
O curso de Música de Semana Santa comezou a súa andaina no ano 1990, coa idea de poñer en contacto aos estudantes co mundo profesional dentro da música. Para levar a cabo este proxecto era preciso contar coa colaboración de profesores cunha ampla traxectoria no mundo das orquestras profesionais.
Vinte e nove anos despois segue a celebrarse este curso, que foi pioneiro na súa concepción, xa que os cursos que se viñan ofertando consistían en clases individuais de técnica instrumental e clases colectivas para traballar repertorio.
"O curso que se oferta é innovador xa que a base do seu plantexamento consiste na aprendizaxe por medio do traballo dentro da orquestra, e ofrece a posibilidade de que alumnos de diferentes niveis poidan participar, xa que se establecen diferentes formacións orquestrais ou de cámara segundo os coñecementos dos participantes, facendo especial fincapé no traballo por grupos e na coordinación", apuntan dende a organización.
Dirixido por Xan Carballal, nesta edición os profesores serán Nazaret Canosa, Rebeca Maseda, Iván Siso e Benxamín Iglesias. O programa contará con obras de Arriaga, Vivaldi, Delibes e Mozart.