Mañá comezarán as obras de asfaltado no Camiño Real de Burela
Realizarase a renovación parcial da rede de abastecemento de auga e o asfaltado en quente do tramo da rúa comprendido entre Arcadio Pardiñas e Marqués de Sargadelos.
O Concello de Burela anuncia o inicio das obras na rúa do Camiño Real para mañá, mércores 23 de agosto, se as condicións climatolóxicas o permiten. Unha actuación financiada polo Plan Único da Deputación na que se invisten 74.065,87 euros para o asfaltado en quente do tramo seleccionado desta vía e a renovación parcial da rede de abastecemento de auga.
Os traballos de asfaltado dividiranse en tres tramos, o comprendido entre o cruce coa avenida Arcadio Pardiñas ata a rúa do Cantiño, deste punto á rúa do Ril, e o terceiro ata a rúa Marqués de Sargadelos. Estenderase unha nova capa de rodadura de 5 cm de espesor, renovando despois o pintado na calzada da sinalización horizontal, mellorando a seguridade da vía.
Ademais, renovaranse as tubaxes de abastecemento de auga que estaban xa moi deterioradas e que ocasionaron nalgunhas ocasións cortes nas instalacións da contorna, evitando esta situación nun futuro tras as obras.
O edil de obras, Ramiro Fernández, destacou que “supón un cambio e unha mellora importante pois é unha vía que dá acceso á zona escolar e dos institutos, ao Hospital e aos pavillóns deportivos, polo que o tránsito é frecuente e polo tanto a repercusión positiva da obra tamén vai beneficiar a moitas persoas”.
Tamén quixo Fernández avisar de que “se o tempo o permite comezaremos mañá, pedindo coma sempre paciencia aos veciños polos cortes de tráfico que poda haber mentres duren as obras”. Así mesmo, agradeceu á institución provincial a súa achega para poder levar a cabo este proxecto.