Mañá comezan as xornadas de nutrición e saúde mental de Expomar

AMariñaXa
Expomar xunto con Saúde Mental A Mariña, Fundación Eu Son e o Concello de Burela traballan nunhas xornadas de nutrición e saúde mental.
mens sana corporre sano expomar
27 Abr 2022

A Fundación Expomar organiza este xoves as Xornadas de  Nutrición & Saúde Mental Mens Sana in Corpore Sano, que  contan coa ponencia do neurólogo Miquel Aguilar Barberá Como alimentar o noso cerebro para mantelo xove. 

A Fundación Expomar organiza este xoves 28 de abril as Xornadas de Nutrición e  Saúde Mental Mens Sana in Corpore Sano, que terán lugar na casa da cultura de  Burela a partir das 18:30 horas.

A xornada consistirá nunha mesa redonda sobre A Saúde Mental na Mariña Lucense e a charla informativa sobre nutrición Como alimentar o noso cerebro para  mantelo xove a cargo do doutor Miquel Aguilar Barberá, neurólogo de Àptima  Hospital Universiatio Mutua de Terrasa.

Para este doutor e profesor catalán, "o obxectivo é acadar máis anos de vida de  calidade: unha vida plena e un envellecemento saudable. Non é unha quimera  alcanzar os 100 anos en boas condicións e mesmo superar o límite dos 117 anos".

Na súa conferencia explicará as 12 claves para alimentar adecuadamente o noso  cerebro e o noso corpo en todos os seus aspectos: "para cumprilo necesítase unha  alimentación adecuada, exercicio físico regular e gozar das pequenas cousas do día  a día, evitando todo aquilo que nos prexudica".

Previamente inaugurarán as xornadas a directora xeral de Pesca, Acuicultura e  Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mercedes  Rodríguez Moreda, e o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela,  Alfredo Llano.

O acceso será libre e desde a Fundación Expomar anímase a tódolos veciños da  Mariña que asistan a unhas xornadas nas que se tratarán temas moi importantes  para axudarnos a levar unha vida saudable.

Despois da conferencia celebrarase unha mesa redonda sobre A Saúde Mental na  Mariña Lucense, que estará moderada polo nefrólogo do Hospital da Mariña Secundino Cigarrán e na que participarán representantes das principais asociacións  da contorna, como a Asociación Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades  Neurodexenerativas de Burela.

O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, destaca que "con esta actividade pretendemos promocionar o sector pesqueiro a través do consumo de  peixe, e de paso fomentar unha alimentación máis saudable e poñer en valor o  traballo das distintas asociacións que traballan no mundo da saúde mental aquí na  Mariña".

As Xornadas de Nutrición & Saúde Mental Mens Sana in Corpore Sano están promovidas pola Fundación Expomar e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal,  contando tamén coa colaboración do Concello de Burela e das asociacións Saúde  Mental A Mariña, AFAN Burela e Fundación Eu Son.

0.15024185180664