Mañá comeza o novo servizo de limpeza viaria e recollida de lixo de Viveiro
A empresa contará cunha nave en Celeiro, para albergar vestiarios e toda a maquinaría destinada á prestación do servizo e disporá, ademais, de dous espazos no casco histórico. Un destes locais será para atención ao público.
O Concello de Viveiro informa que mañá, luns 20 de xuño, a nova empresa adxudicataria do servizo de limpeza viaria, recollida de lixo e punto limpo inicia a súa prestación. Trátase da empresa FCC Medio Ambiente, que conta con diversos premios e recoñecementos pola súa labor na prestación destes servizos.
Para esta contratación, o Concello tramitou un expediente de contratación con regulación armonizada, o que supón que se ralentizasen moito todos os prazos. A presentación de diversos recursos ao longo do procedemento tamén motivou unha ralentización na súa tramitación.
O prazo deste contrato é de catro anos, con posibilidade de prórroga de un ano máis, ata un máximo de cinco anos. O importe de adxudicación ascende a 1.081.346,33 euros.
O goberno municipal entende que este cambio implica unha mellora importante para o Concello de Viveiro, tendo en conta que se trata dunha proposta novidosa, que inclúe maquinaria de última xeración, ferramentas dixitais para o seguimento e control do servizo e novas técnicas de traballo que permiten interactuar co entorno en tempo real. Así mesmo, neste novo contrato intégranse políticas de igualdade de xénero, sostenibilidade, conciliación, educación ambiental, etc.
Outro cambio importante derivado neste novo contrato é a centralización, nunha única empresa, de varios servizos que ata o momento se viñan prestando directamente polo concello ou a través de varias empresas diferentes. Así, a partir de agora, FCC xestionará a recollida de todas as fraccións de residuos, quedando unicamente fóra o vidro; a recollida de enseres; a recollida do cartón comercial porta a porta; a xestión do punto limpo municipal e a xestión dos residuos alí depositados; a limpeza viaria, etc.
A empresa contará cunha nave en Celeiro, para albergar vestiarios e toda a maquinaría destinada á prestación do servizo e disporá, ademais, de dous espazos no casco histórico. Un destes locais será para atención ao público, no que se poderán presentar queixas, suxerencias, solicitar información, etc., achegando os servizos ao cidadán; e o outro, para almacenamento de utensilios de limpeza e vestiarios.
Está previsto tamén modificar a recollida no casco histórico, incluíndo a recollida selectiva, que non existía ata o de agora; o renovación de contenedores practicamente en todo o termo municipal; aumento na frecuencia dos baldeos, limpezas en diversas zonas, etc.
Estas melloras iranse desenvolvendo progresivamente, prevéndose que en outono a empresa poida ter implantado e desenvolto todo o seu proxecto. Dende o Concello de Viveiro considérase que todas as iniciativas previstas suporán unha mellora importante, achegando un servizo innovador, efectivo e sostible.
Tendo en conta que todo cambio implica un período de transición e adaptación, pídese comprensión para esta etapa, tendo en conta sobre todo que este nova empresa inicia a prestación do servizo no período estival, cando se triplica a poboación e se celebran eventos frecuentes e de gran magnitude.