Mañá abre o prazo para inscribirse nos cursos de natación e outras actividades acuáticas na piscina de Viveiro
O vindeiro luns 4 de setembro comezará o prazo para inscribirse nos cursos de natación e outras actividades acuáticas na piscina municipal de Viveiro.
O Concello de Viveiro anunciou que, no caso dos cursos para adultos, o prazo estenderase dende o 4 de setembro ata o xoves 28 do mesmo mes, mentres que no dos cursos para nenos este rematará algo antes, o xoves 21 de setembro.
As escolas infantís ofértanse para nenos e nenas nados entre 2008 e 2019, e a preinscrición realizarase de xeito presencial. Cada neno ou nena poderá anotarse a un dos 8 grupos existentes, sendo necesario realizar unha proba de nivel previa para determinar cal é o idóneo. Os grupos van dende Iniciación Infantil 1, para cativada nacida entre 2018 e 2019, a Perfeccionamento Nenos, para nenas e nenos máis maiores.
Por outra banda, a inscrición dos cursos para adultos realizarase tamén de xeito presencial na recepción da piscina. Estes inclúen cursos de ximnasia na auga, entreno funcional, TRX, natación de iniciación, natación de nivel medio ou natación avanzada.