Malestar veciñal en Rinlo polo estado de abandono de zonas públicas

Veciños de Rinlo expresan a súa crecente indignación polo que consideran un “abandono continuado” das infraestruturas e espazos públicos da zona. A situación, din, faise especialmente evidente máis alá das datas nas que o turismo enche as rúas desta vila mariñeira.
“Rinlo o que precisa é atención durante todo o ano, non só cando veñen os forasteiros”, lamentan, en referencia á falta de mantemento que afecta a instalacións como a zona recreativa, onde a herba medra sen control. “A altura da vexetación fala por si soa: leva moito tempo sen segar”, explican.
Os recentes estreados cubrecontedores feitos con material reciclado e colocados na zona non parecen compensar outras carencias máis graves, segundo denuncia a veciñanza. Critican tamén que a pista deportiva segue sen a malla de peche, o que impide un uso seguro e adecuado. “Non serve de nada instalar novos elementos se o resto está descoidado”, afirman.
Outro dos puntos de preocupación é a estrada que vai dende a zona das cetarias ata as praias. Segundo denuncian, atópase nun estado “perigoso”, tanto polo mal firme como pola falta de visibilidade derivada da maleza que invade os laterais. “Cruzar con outro coche nesta vía é unha temeridade”, indican.
Ademais, a situación do estanque engade máis motivos para o malestar cidadán. “Está nun estado lamentable e morreron moitos peixes que vivían nel”, explican. Aseguran que a acumulación de follas, herba e restos orgánicos está a deteriorar a calidade da auga. “É de sentido común que a descomposición da materia orgánica consume o osíxeno disolto, imprescindible para a vida acuática. Pero parece que os nosos gobernantes ignoran isto”, denuncian.
A veciñanza reclama unha planificación do mantemento municipal que non dependa exclusivamente da chegada de turistas, senón que se basee no benestar da cidadanía que vive alí todo o ano. “Non queremos un Rinlo de escaparate, senón un lugar digno para vivir cada día”, conclúen.