Malasombra Producións representará en Burela o espectáculo SÓS
O sábado 26 de marzo ás 20.30 horas Jouse García e Marcos Orsi da compañía teatral Malasombra Producións representarán o espectáculo para público adulto SÓS na Casa da Cultura de Burela. A entradas pode mercarse na billeteira por 3,5 euros.
Trátase dunha reflexión, por veces cómica e por veces máis dramática, sobre a vellez, sobre a convivencia e sobre a soidade que sofren moitas persoas maiores nos seus últimos anos de vida.
SÓS conta a historia de Rodrigo e Marcelino, dous homes octoxenarios que se ven obrigados polas circunstancias a compartir piso. Os dous anciáns non se coñecen previamente, os dous teñen un carácter totalmente diferente, levaron vidas diferentes e teñen costumes e hábitos absolutamente diferentes polo que a súa convivencia non vai ser fácil. Aínda que non lles vai quedar máis remedio que aprender a tolerarse porque a pesar de que hai moitas cousas que os separan, teñen algo moi importante que os une: os dous están sós e necesítanse mutuamente para saír adiante.
Rodrigo e Marcelino representan dous modelos de vida distintos, case opostos que facilmente podemos recoñecer no noso entorno. Marcelino representa ao home máis tradicional, dos que tiveron un só traballo durante toda a vida e unha muller tamén para toda a vida. Rodrigo pola contra representa un home máis de mundo. Emigrou ao estranxeiro, nunca se casou e a súa vida nunca tivo estabilidade, en contraste coa vida de Marcelino, no que a estabilidade foi o seu ben máis abundante.