Máis de medio cento de rapaces participaron no programa “Mañás Activas” en Xove

AMariñaXa
Durante dous meses de verán, a mocidade gozou de talleres, xogos, deporte e unha excursión a Oleiros dentro desta iniciativa de voluntariado xuvenil
Xove-remate-manas-activas-veran-2025
30 Aug 2025

O Concello de Xove vén de pechar unha nova edición do programa de voluntariado xuvenil “Mañás Activas”, que se desenvolveu dende o 1 de xullo ata o 29 de agosto e no que tomaron parte 55 nenos e nenas de entre 9 e 14 anos. A proposta, que se levou a cabo de luns a venres, ofreceu unha ampla variedade de actividades de lecer pensadas para fomentar a creatividade, a convivencia e os hábitos saudables.

Ao longo destes dous meses, os participantes gozaron de obradoiros de manualidades, xogos de grupo, multideporte, un taller de robótica educativa e mesmo dun campamento dixital da Fundación Cibervoluntarios. Ademais, non faltaron as saídas especiais, como a excursión ao Urban Planet de Oleiros con parada na Praia do Lago de As Pontes, unha xornada que os mozos e mozas definiron como “inolvidable”.

A programación completouse con actividades deportivas ao aire libre dirixidas por “Roq Sport” e con varias visitas á praia, converténdose nunha alternativa de ocio activa e educativa para a rapazada.

O proxecto contou coa coordinación da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e co traballo das monitoras Samara Martínez Cordido e Alba Rodríguez Tapia, xunto cun equipo de voluntariado integrado por Carla Míguez Méndez, Eva Dean Durán, Daniel Felipe Garnica Díaz, Ángela Cristina Blanco Laza e Eduardo Flores Escobar.

O 29 de agosto celebrouse a festa de clausura, á que asistiron o alcalde Demetrio Salgueiro Rapa e a concelleira de Deportes e Xuventude, Cristina Iglesias Guerreiro. Ambos puxeron en valor a participación da mocidade e fixeron entrega dun agasallo ás monitoras e ao voluntariado como recoñecemento ao seu compromiso e dedicación.

A iniciativa, promovida polas concellerías de Xuventude, Deportes e pola OMIX, naceu como unha oferta de conciliación e lecer durante o verán, consolidándose ano tras ano como unha das actividades máis esperadas polas familias de Xove.

⚙ Configurar cookies
0.091881990432739