Máis de 70 escolares de Burela participan nunha xornada de limpeza na praia de Perdouro

Máis de setenta alumnos e alumnas de educación primaria de Burela participaron este xoves nunha xornada de limpeza da praia de Perdouro, unha actividade que se enmarca no proxecto “Sustentabilidade da actividade pesqueira e consumo responsable”, impulsado pola Fundación Expomar.
A iniciativa conta co financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e do GALP A Mariña-Ortegal, e pretende concienciar ás novas xeracións sobre a importancia de protexer o medio mariño e manter limpos os espazos naturais da contorna costeira.
Durante esta primeira xornada tomaron parte máis de 70 estudantes de 5º de Primaria dos CEIP plurilingües Vista Alegre e Os Castros de Burela, que estiveron acompañados por representantes da Fundación Expomar e tamén do Concello de Burela. A actividade contou ademais coa colaboración do centro de educación ambiental Gaia, encargado de dinamizar as accións de sensibilización ambiental.
Ao longo da mañá, o alumnado percorreu diferentes zonas do areal co obxectivo de retirar residuos e aprender, ao mesmo tempo, sobre o impacto que estes teñen no ecosistema mariño. Como resultado da limpeza recolléronse dez sacos de lixo mariño, unha cifra que evidencia a cantidade de residuos que o mar acaba devolvendo á costa.
Entre os materiais atopados predominaban os plásticos, restos de materiais de construción e tamén diferentes desperdicios vinculados á actividade pesqueira. Durante a actividade prestouse especial atención aos fragmentos de pequeno tamaño, especialmente prexudiciais para a fauna mariña, xa que poden ser inxeridos por peixes e aves.
Esta acción forma parte dun programa máis amplo coñecido popularmente como “Xeración Peixe”, que inclúe diferentes iniciativas destinadas a promover hábitos responsables e unha maior conciencia ambiental. O proxecto busca implicar a distintos sectores da sociedade e reunir a persoas de diferentes xeracións arredor da protección do medio mariño.
Precisamente este mesmo xoves tamén se desenvolveu un taller interxeracional no que participaron mozos e mozas de Burela xunto con persoas usuarias do centro de día Coidando de Vós. O encontro serviu para compartir experiencias e reflexións sobre a importancia de coidar o mar e os recursos que ofrece.
As actividades continuarán ao longo do mes de marzo con dúas novas xornadas de limpeza nas que participará alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos Perdouro e Monte Castelo. Estas accións están previstas para os días 18 e 27 de marzo.
Todos os residuos recollidos nestas xornadas serán utilizados posteriormente nunha exposición que formará parte do Congreso da infancia e da adolescencia, que se celebrará a finais do mes de abril. O obxectivo desta mostra é seguir promovendo a sensibilización social sobre a necesidade de preservar limpo o medio mariño e protexer os ecosistemas costeiros.