Máis de 40 nenos participaron en Cervo na actividade de teatro
O Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura que dirixe Dolores García Caramés, programou para este verán unha actividade de teatro dirixida ás crianzas que tivo un gran éxito de participación.
Así, tal e como explicou Caramés, participaron máis de 40 nenos/as, entre os que asistiron diariamente ao programa Cervo Concilia e os que se anotaron como actividade independente a través dos enredos de verán.
A actividade foi impartida por Blanca Dacal, artista plástica e escénica, que cursou os seus estudos na Real Escola de Arte Dramático de Madrid.
Tal e como apuntou Caramés, “a experiencia foi moi positiva para os nenos que traballaron a creatividade infantil a través da expresión artística e compartiron xornadas, nas que se divertiron aprendendo”.
Dacal explica que nas sesión traballou a expresión corporal, o movemento ou a voz, de xeito grupal e individual, “cada neno/a ten un talento que moitas veces queda oculto, e eu ofrézolles as ferramentas expresivas para sacalo e que cada un/unha sexa capaz de crear por si mesmo/a”.
Como despedida do curso realizaron un espectáculo de variedades no que cada neno, ante o público, amosou as súas habilidades máis “teatreiras” como mago, monologuista, equilibrista ou bailarín.