Máis de 4.500 firmas para modificar a normativa de pesca submarina en Galicia

AMariñaXa
AGPESUR sinala que a práctica só pode ser durante sete meses ao ano, fins de semana e días festivos
submarinismo
16 Jan 2025

A Asociación Galega de Pescadores Submarinos Responsables (AGPESUR) dá un paso na defensa dos dereitos dos pescadores submarinos en Galicia. A recentemente constituída asociación presentou no rexistro da Xunta de Galicia, na delegación de Pontevedra, máis de 4.500 sinaturas recollidas a través da plataforma Change.org.

Estas sinaturas respaldan a solicitude de modificación da normativa de pesca submarina en Galicia, que segundo sinalan, actualmente restrinxe esta práctica durante sete meses ao ano, permitindo a súa realización unicamente durante os fins de semana e días festivos. Esta restrición converte a Galicia na única comunidade autónoma de todo o Estado onde se impón esta limitación.

Desde AGPESUR cualifican esta normativa como "injusta, arbitraria e discriminatoria", xa que, segundo afirman, impide o desenvolvemento dunha actividade que consideran sostible, respectuosa e vinculada á tradición cultural galega.

A asociación aposta por un marco normativo equilibrado que compatibilice a pesca submarina responsable co resto de actividades marítimas, garantindo ao mesmo tempo o respecto polo medio ambiente e polos recursos mariños. “Desde AGPESUR, continuaremos traballando sen descanso por unha regulación xusta para a pesca submarina en Galicia”, manifestaron desde a entidade.

 

⚙ Configurar cookies
0.17769384384155