Máis de 300 persoas participaron nos programas “Obradoiros” e “Plans con Corazón” da Mariña

AMariñaXa
As iniciativas da Mancomunidade reforzaron o turismo fóra de tempada con propostas de natureza, arte e patrimonio que obtiveron a máxima valoración do público
051124-Foto-Raíces-Nómadas-mariña
15 Oct 2025

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense pechou con éxito unha nova edición dos programas “Obradoiros con Corazón” e “Plans con Corazón”, que este ano reuniron a máis de 300 participantes e contribuíron a dinamizar a oferta turística e cultural da comarca desde finais do verán ata o outono. A campaña, titulada Despide o verán na Mariña, contou coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

A segunda edición de Obradoiros con Corazón, celebrada entre o 25 e o 30 de agosto, permitiu gozar de nove experiencias creativas centradas na artesanía e nos oficios tradicionais da comarca. Os asistentes aprenderon técnicas como a estampaxe, o modelado de barro, o traballo da madeira, do coiro e da lá, e descubriron tamén rituais vinculados á cerámica. En total participaron 71 persoas, e outras 62 quedaron en lista de agarda, o que reflicte o gran interese tanto da poboación local como dos visitantes.

O éxito foi rotundo: o 100% dos participantes outorgou a máxima puntuación de 5 estrelas, e todos aseguraron que repetirían ou recomendarían a experiencia, ademais de reclamar a súa continuidade no tempo. Os ingresos xerados polas inscricións destinaranse a accións de promoción da marca A Mariña Artesá, como a creación de delantais para os artesáns da comarca.

Pola súa banda, o programa Plans con Corazón, que chegou este ano á súa sexta edición, desenvolveuse entre setembro e o 12 de outubro con 16 rutas e visitas guiadas por toda a Mariña. Os percorridos permitiron descubrir a riqueza natural e cultural dos 16 concellos do xeodestino, acompañados por guías oficiais de turismo, expertos en ornitoloxía e xeoloxía, e tamén por anfitrións locais que compartiron o seu coñecemento e amor polo territorio.

As rutas abrangueron desde espazos costeiros ata zonas de montaña, incluíndo os cumios da Serra do Xistral, e abordaron temas como o patrimonio histórico e etnográfico, a xeoloxía ou a biodiversidade. En total, participaron 249 persoas, procedentes non só da Mariña e do resto da provincia de Lugo, senón tamén de A Coruña, Ourense, Pontevedra, Asturias, León, Madrid, Valencia e Zaragoza.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, destacou que “o 100% das persoas que responderon ás enquisas considera que Plans con Corazón dinamiza a oferta turística da Mariña e debería manterse no tempo. Ademais, o 92% valorou como moi boas as rutas e as explicacións dos guías, o que reafirma a utilidade desta iniciativa como motor turístico e cultural”.

López explicou tamén que os ingresos deste programa se destinarán a unha acción sostible de recuperación ambiental na comarca. “Estas propostas amosan A Mariña como un destino atractivo e diverso, que invita tanto á veciñanza como aos visitantes a descubrir o territorio e sentirse parte del”, sinalou.

A presidenta quixo agradecer a implicación de todos os que fixeron posible o éxito da campaña —artesáns, guías, anfitrións locais e empresas colaboradoras—, e concluíu que “grazas ao seu traballo seguimos ofrecendo actividades de valor, poñendo en práctica un turismo responsable e mantendo viva a identidade da Mariña”.

⚙ Configurar cookies
0.065651893615723