Máis de 30 postos estarán no Mercadiño de Primavera de Barreiros
O Concello de Barreiros celebra una nova edición dos seus mercadiños estacionais este domingo día 19. Neste caso, o Mercadiño na Primavera achegará ata a Praza do Concello produtos de calidade e proximidade en máis de 30 postos que encherán a praza de vida acompañados de actividades durante todo o día. Aos postos, que van desde alimentación a artesanía ou ornamentación, acompañaranos diferentes actividades e actuacións en directo durante a xornada.
Ás 12.30 terá lugar a actuación do grupo Os Mustélidos, que interpreta versións de temas coñecidos. Á mesma hora comezarán degustacións, de balde ata rematar existencia, tanto de minihamburguesas de Porco Celta, a cargo das ganderías Celtagal e Cmf Celtaporc; como da Cervexa Artesá Augas Santas Brew, a cargo da Cervexería local homónima.
Ás 16.00 impartirase un obradoiro de arte floral, para o que é preciso con inscrición previa gratuíta no teléfono: 982 134 400. Ás 17.30 terá lugar a actuación especial para o público infantil de Pakolas. Ás 19.45, xa para rematar o mercadiño, celebrarase un sorteo dunha cesta de produtos de postos do propio mercadiño, para o que se entregarán papeletas por cada compra nos postos que terán que ser depositadas na urna correspondente.
Ademais, o Concello volverá a contar cun posto solidario de venda de libros, cuxa recadación será doada á asociación SOMOS Unidos por el cáncer, coa que o Concello de Barreiros colabora nesta ocasión. A alcaldesa, Ana Ermida, convida a toda a veciñanza a visitar e mercar nos distintos postos e a desfrutar das distintas actividades “variadas e para todos os gustos que complementan á perfección un mercadiño no que os postos de proximidade e calidade son os protagonistas dun evento que xa está consolidado na programación municipal”. Esta actividade conta coa colaboración da Área de Vicepresidencia da Deputación.