Máis de 30 familias benefícianse do servizo Cervo Madruga

AMariñaXa
O Concello de Cervo pon en marcha esta iniciativa para apoiar a conciliación e totalmente de balde
cervo-madruga
17 Jan 2025

O servizo Cervo Madruga do Concello de Cervo xa está en marcha, en colaboración coas ANPAS do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz. No marco do programa Corresponsables de Cervo.

Máis de trinta familias vense beneficiadas deste servizo de apoio na conciliación que é totalmente gratuíto. En concreto son 38 as crianzas que comezan o día nun ambiente seguro, educativo e adecuado antes do inicio das clases -26 no CEIP de Cervo e 12 no CEIP Península da Paz, concretamente-.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata os dous centros para comprobar in situ como marcha a iniciativa, “coa que demos resposta a unha necesidade existente en moitas familias que comezan a xornada laboral antes que arrinque a xornada escolar dos seus fillos/as “buscando ofrecerlles un ambiente tranquilo e estimulante desde o primeiro momento do día, cun horario flexible e adaptado ás súas necesidades”.

No programa, as familias teñen a opción de elixir o horario de 7.30 a 8.30 horas (con almorzo); ou de 8.30 a 9.30horas, no caso do CEIP Península da Paz, ou 9.35 horas, no caso do CEIP de Cervo. Explican desde o Concello que as familias que aínda desexen sumarse á iniciativa poden facelo comunicándollo á ANPA correspondente ou cubrindo a solicitude dispoñible na Casa do Concello ou na Casa da Cultura.

0.16306304931641