Máis de 200 atletas participarán na XV edición da Run Foz Run
Co verán o calendario focense énchese de eventos deportivos, festas e este ano especial, tamén dos Xogos Olímpicos. O 3 de agosto o circuíto de Carreiras Populares Duacode RunFozRun fai unha das súas paradas máis especiais e multitudinarias coa XV edición da Run Foz Run, a carreira estrela do verán e do circuíto. Trátase dun evento que destaca pola súa alta participación, por un circuíto divertido que percorre a zona portuaria e o paseo de Malates onde os corredores poderán correr pola ría de Foz e cruzar a meta nun dos puntos emblemáticos da localidade, a zona da Ribeira.
Como todos os anos, a inscrición xa supera os 200 atletas e espérase que rocen os 500 participantes, con algún atleta de renome xa confirmado e algunha sorpresa aínda por desvelar. A gran maioría dos favoritos á clasificación xeral do circuíto Duacode 2024 acudirán á carreira que é puntuable e que terá, ademais de premios por categorías, premios por equipos que sempre é un aliciente para o corredor popular.
Desde a organización destacan que é “o evento da casa, no que poñemos toda a ilusión e esforzo para que o corredor desfrute e o pase ben e queira volver", destacou Rosalía Rodríguez, do club Atletismo Ría de Foz. Os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa e avituallamiento líquido e sólido ao finalizar a carreira. As inscricións permanecerán abertas na web www.sportmaniacs.com ata o 31 de xullo.
Á presentación do evento acudiron Rosalía Rodríguez (presidenta do club Atletismo Ría de Foz), Jose Carlos Paleo (presidente CCA/ACIA Foz), Simeón Neira (concelleiro), Manolo Cadramón (xefe do Servizo de Deportes Xunta de Galicia), Zoraida Coira (concelleira), Patricia Sarmiento (directiva do Club Atletismo Ría de Foz), Rubén Perez (atleta C.A Ría de Foz) e Manuel Eiras (fundador do Club Atletismo Ría de Foz e representante de RunFozRun).