Máis de 2 millóns de euros para modernizar o equipamento do Hospital da Mariña
Tamén hai financiamento previsto para licitar os proxectos de construción de novos centros de saúde, como é o caso do de Ribadeo, que xa asinou un protocolo coa Consellería de Sanidade para iniciar a adquisición da parcela.
Os orzamentos autonómicos para 2023 reservan máis de 2 millóns de euros para modernizar o equipamento tecnolóxico no Hospital Público da Mariña.
No transcurso dunha visita ao centro, o delegado territorial, Javier Arias, subliñou que “o incremento récord previsto para gasto social en Galicia, con 4.967 millóns destinados á sanidade pública, dá unha idea da prioridade que supón este ámbito para a Xunta”.
No caso concreto deste hospital comarcal, as partidas xa territorializadas consignan fondos para incorporar unha nova resonancia magnética fixa -810.742 euros- e un equipo de tomografía computerizada (TAC) -408.035 euros -, ambos xa adxudicados.
Ademais, asígnanse 890.308 para executar os traballos de adaptación do espazo que acollerá a resonancia. Arias avanzou que ao proceso de licitación das obras concorreron tres empresas e está previsto adxudicar a actuación en breve, co obxectivo poñer en marcha os novos servizos o antes posible.
“O Goberno galego continúa así coa súa aposta por achegar máis e mellores dotacións a este complexo hospitalario”, subliñou Arias, quen lembrou que a Xunta leva investidos 15 millóns de euros para a súa reforma, ampliación e equipamento.
En canto ao ámbito da Atención Primaria, o delegado resaltou que os orzamentos de 2023 reservan 500.000 euros para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados no plan de mellora de infraestruturas deste nivel asistencial, como é o caso do ambulatorio de Ribadeo, que xa asinou un protocolo coa Xunta para iniciar a adquisición da parcela na que se construirá o futuro edificio.