Máis de 2.000 persoas participaron na concentración por Alcoa en San Cibrao
A forte choiva deste anoitecer na Praza dos Campos de San Cibrao non arredrou aos ao redor de 2.000 manifestantes que se concentraron, pese ao mal tempo, nunha das localidades que máis directamente vive de Alcoa na Mariña lucense. A poboación non quixo perderse esta cita en apoio dos traballadores que ven perigar os seus postos polo posible peche da alumineira.
A concentración convocada polo comité de empresa comezou ás 20.30 horas e saldóuse sen incidentes, como sinala a Garda Civil. A manifestación de Cervo celebrouse xusto no mesmo día en que As Pontes tamén se paralizou pola folga ocasionada polo futuro peche de Endesa, motivo polo que houbo tamén protestas en Madrid.
Os manifestantes clamaron pola continuidade do complexo industrial e polos seus empregos xa que a factoría emprega a máis de mil persoas nas dúas prantas, alúmina e aluminio. Sen contar os centos de traballos das empresas auxiliares e sectores que se benefician da súa actividade.