Máis da metade dos galegos consume menos peixe do que recomendan os expertos

AMariñaXa
Máis da metade dos galegos consume menos peixe do que recomendan os expertos, un dato que malia todo mellora os anteriores á pandemia.
lonxa peixe celeiro
22 Xul 2023

7 de cada 10 consumidores galegos afirma que consumiría máis peixe se se tivera suprimido ou rebaixado  o IVE que aplica aos produtos do mar. 

Unión de Consumidores de Galicia fai público o resultado do seu estudo sobre consumo de peixe en Galicia desenvolvido no primeiro semestre de 2023 e que amosa diferenzas nos hábitos de consumo respecto dos datos obtidos no estudo de 2019.

A principal conclusión que se extrae deste estudo, é que mellora a frecuencia de consumo recomendado1(entre 3- 4 veces á semana ) pasando do 28% dos fogares en 2019 a preto do 34,50 % en 2023. Sen embargo as cifras seguen a ser moi negativas xa que logo, máis do 55% das galegas e galegos afirma non consumir peixe ou facelo só unha ou dúas veces á semana.

Mellora tamén a porcentaxe de persoas (7,7%) que aumentou a frecuencia desde unha soa vez á semana a un maior consumo. Empeoran pola súa banda os datos das persoas que afirman non consumir peixe que pasa do 1,82% ao 2,66%, así como os relativos ás persoas que consumían peixe con maior frecuencia que baixa ate o 9,72% fronte ao máis do 10,5 % de 2019.

Máis do 57% dos galegos e galegas que afirma que o principal motivo polo que non consume peixe é debido ao seu elevado prezo. Igualmente o 51% dos consumidores galegos afirma que por culpa do prezo non consumen tanto peixe como quixeran. Outros motivos argumentados teñen que ver co tempo de preparación (13%), os horarios dos establecementos de venda (11%).

En plena campaña electoral resulta interesante valorar que a decisión do executivo nacional de non aplicar unha supresión ou rebaixa do IVE no peixe ten consecuencias respecto das cifras de consumo de peixe. O 68% dos galegos e galegas afirman que a supresión ou rebaixa do IVE que se aplica ao peixe incentivaría un maior consumo.

En canto á forma de consumir peixe, o consumo en fresco é maioritario (92%), se ben as cifras de consumo en conserva (49%) e conxelado (38%) son tamén moi significativas. Salvaxe ou de cultivo? Case o 60% decántase polo consumo de peixe salvaxe fronte ao 10% que se inclina polo de cultivo. Outro 20% afirma consumilos por igual. Para Unión de Consumidores de Galicia, preocupa especialmente a cifra de persoas que afirman non saber distinguir peixe salvaxe de peixe de cultivo, un de cada dez galegos.

E fóra da casa? Un bo dato o reflicte tamén a porcentaxe de galegos e galegas que prefiren consumir peixe cando comen fóra da casa (case o 45%) fronte a menos do 13% que prefire carne. Peixe ou carne en igual medida o afirman o 38%.

0.16846203804016