Mahler vs. Mundo

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
11 Xuño 2023

Por Rebeca Maseda

Como pode unha sinfonía cuxa tonalidade principal é mi menor ser tan exultante  e sensual? Por paradoxal que pareza, a Sétima de Mahler non abre os ceos para o seu  compositor senón que demostra os problemas que xorden na colisión do individuo coa  totalidade da existencia. Con todo, esta sinfonía brilla, brilla como unha estrela nocturna,  tan lonxe, tan preto. Isto aínda non está tan claro na apertura ("aquí a natureza roxe",  escribiu Mahler). No segundo compás comeza o caloroso e resoante solo da trompa  tenor que, a pesar da súa estrutura interválica que apunta cara abaixo e a súa posta nun  compás algo inquieto, ofrece reconciliación e comeza un arioso amplo. A transición á  enérxica sección principal ten lugar nunha esfera tonal estrañamente sobria que, a pesar  de varios sinais rechamantes, parece hermética. A continuación segue unha forma de  sonata tradicional claramente dividida nunha exposición, desenvolvemento,  recapitulación e coda. Sen dúbida, un primeiro movemento complexo, un universo en si  mesmo.

A primeira ‘Nachtmusik’ é un Allegro Moderato; Mahler comparouna coa  atmosfera da ‘De Nachtwacht’ de Rembrandt. Formalmente, o movemento componse  de varias seccións de marcha que cambian de maior a menor, alternando entre dous  tríos -un en estilo de canción popular e o outro lírico e melancólico-. A segunda  ‘Nachtmusik’ é un Andante Amoroso: poderiamos imaxinar perfectamente a Romeo  ante nós no balcón de Julieta cunha guitarra nas súas mans. El canta unha fermosa e  simple canción, unha canción de amor cuxa melodía evoca a música das cervexarías  vienesas. Para o biógrafo de Mahler -Kurt Blaukopf- "anticipa o estilo sinfónico de cámara  que Arnold Schoenberg estableceu coa súa ‘Sinfonía de Cámara’.

Mahler colocou un Scherzo entre as dúas noites que lembra unha grotesca escena  de baile do reino dos espíritos. Un -algo diferente...- ‘Soño dunha Noite de Verán’ onde  sátiros e trasgos intentan fuxir, ás veces sorrindo, ás veces pestanexando tristemente;  ás veces enviando escintileos cegadores de lóstregos, ás veces desaparecendo detrás de  cada un como sombras; ás veces explosivo, ás veces contemplativo: un erotismo  docemente sutil en todo.

Conceptualmente, o Rondo-Finale volve á forma grande. A idea básica é un  ritornello, Mahler viuno como a única posibilidade de coordinar externamente os  contrastes illados. Ábrese cunha potente entoación dos timbais, fai uso de varios  elementos como a fanfarra, a coral e a marcha, e logo iníciase unha viaxe de 15 minutos  ata a apoteose en Do maior do primeiro tema. Esta non é a única pasaxe na cal a estreita  relación conceptual e material co primeiro movemento da Sinfonía se fai evidente. A  estrutura e a textura melódica dos dous temas principais apuntan a material xa escoitado anteriormente, aínda que o perfil da idea Rondó non ten a mesma profundidade ou peso  que o tema do Allegro no primeiro movemento.

Tal vez se poida dicir así: a música de Mahler é o reflexo dun mundo que sofre de  si mesmo e asigna o papel de vítima ao individuo, que é a causa deste sufrimento en  primeiro lugar. Para el, o elemento máis marabilloso habita directamente á beira do máis  horrible, o amor xunto á tolemia, e a tolemia xunto á morte. As imaxes que se producen  nos medios de comunicación cada día xa están contidas na música de Mahler. Para  entender o mundo e os seus mecanismos, basta con escoitala e soportala unha e outra  vez...

Foto Artigo xuño'23
0.17268013954163