Mª Luz Rodríguez Somoza é a XXV Vegadense do Ano
Os Amigos de Vegadeo e o seu Concello veñen de informar que o premio XXV Vegadense do Ano xa ten dono e este ano recaerá sobre Mª Luz Rodríguez Somoza, Lulas.
O xurado destaca "a súa implicación desinteresada en múltiples actividades da vida sociocultural de Vegadeo dos últimos anos", así como que sexa a autora da escultura da vaca Silvallana, "imaxe de Vegadeo dentro e fóra da comarca", e o seu intento de mellorar "a vida de todos os veciños co seu labor artístico" e o seu interese por "poñer de manifesto a importancia da arte e facelo accesible a toda a poboación" .
A candidatura de Rodríguez Somoza foi presentada pola Asociación Medalla Milagrosa e polos particulares Isabel Oliveros Martínez, Inmaculada Cereceda Escalante e Luís Casteleiro Oliveros.
Lulas traballa desde hai 21 anos no instituto Elisa e Luís Villamil de Vegadeo, onde imparte materias como debuxo, plástica, taller de gravado e pintura e imaxe e son. O próximo curso académico trasladarase a Oviedo, onde impartirá materias do bacharelato artístico no Instituto de Ensino Secundario Aramo.
O acto de entrega do premio celebrarase o 10 de agosto de 2023 ás 20.00 horas no Auditorio Félix Menéndez da Casa de Cultura de Vegadeo.
O xurado, integrado por Caridade Arredondas Méndez, José Antonio Fernández Risco, Jordán González Mesa, Emilce Pasarín López e Andrea González González, defínea como unha artista "multifacética", e lembra que foi pregoeira das festas do ano 2019.