Luz verde para a mellora da estrada da costa entre Rinlo e as praias de Ribadeo

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde, no Consello celebrado onte, ao investimento de máis de 360.000 euros destinado a completar a mellora da estrada da costa no termo municipal de Ribadeo. Trátase dunha actuación centrada na circunvalación de Rinlo e no acceso ás praias do municipio, que se materializará nun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, mostrou a súa satisfacción pola aprobación do acordo e destacou a importancia estratéxica da infraestrutura. “Trátase dunha vía de comunicación fundamental, non só para facilitar a mobilidade coa veciñanza de Barreiros, senón tamén para garantir un acceso axeitado aos nosos recursos naturais máis valiosos”, subliñou. O rexedor incidiu en que a intervención permitirá corrixir “problemas graves de circulación en Rinlo, onde o tráfico rodado leva anos causando molestias importantes”.
Segundo explicou, a achega autonómica cubrirá o 80 % do orzamento previsto, mentres que o 20 % restante será asumido polo Concello de Ribadeo. “É unha infraestrutura clave para o turismo de calidade que queremos construír: un turismo ordenado, sustentable e que conte con boas vías de acceso”, insistiu Vega.
O alcalde recordou que esta actuación dá continuidade ao tramo xa mellorado entre Vilaselán e Rinlo, que foi financiado cun investimento de 370.000 euros procedente do Plan Único da Deputación. “Agora completamos a rede dunha estrada que levaba anos esquecida, e facémolo grazas á colaboración institucional”, sinalou.
Dani Vega avanzou que o convenio coa Xunta será asinado nos próximos días. “É unha boa nova para Ribadeo. Unha nova xestión que culmina nun novo convenio e que supón seguir avanzando na mellora dos servizos e infraestruturas do noso concello”, concluíu.