Luján Ramos é a candidata do PSOE á Alcaldía de Cervo nas vindeiras eleccións municipais

AMariñaXa
María Luján Ramos Ben é a candidata do PSdeG á Alcaldía de Cervo nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
Lujan Ramos PSOE Cervo
18 Mar 2023

María Luján Ramos Ben é a candidata do PSdeG á Alcaldía de Cervo nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. “Por primeira vez encabezo a candidatura do PSdeG para reafirmar o meu compromiso coa veciñanza do meu pobo, e ao mesmo tempo, para traballar polo futuro do meu concello, con humildade e dende a responsabilidade que merece este posto de tan alta representación política”, dixo a candidata, que é Concelleira na Corporación municipal.

O secretario Xeral do PSdeG-PSOE Provincial Lugo, José Tomé Roca, subliñou “a capacidade de traballo e a implicación cos veciños e cos colectivos do seu concello” que leva demostrando a candidata, ademais da súa “experiencia política ao longo destes anos como Concelleira”, o que a converte “na persoa idónea para poñerse á fronte do Concello e atender as necesidade reais dos cervenses”.

A candidata socialista asegurou que estes anos como membro da Corporación municipal servíronlle para coñecer a realidade diaria do concello. “Cada día recibo máis queixas do seu mantemento actual. Non podemos estar de festa en festa todo o día, e desatender as obrigas máis básicas como a limpeza viaria ou espazos de esparexemento máis concorridos da vila. Fai falla máis traballo e menos foto e propaganda mediática. Isto é o que reclama á veciñanza”, incidiu.

Ramos Ben destacou que a candidatura inclúe xente moza, “que por primeira vez quere participar activamente en política, o que demostra a capacidade de xerar ilusión do noso proxecto. Incorporar á mocidade é o mellor xeito de renovar as candidaturas.”

Polo que respecta ao programa electoral, “xa iniciamos contactos con colectivos para que nos trasladen as súas prioridades. Entre todos e todas, temos que facer un concello mellor, máis dinámico e con máis proxección de futuro”.

Nesta liña, avanzou que unhas das prioridades na súa folla de ruta pasa por impulsar melloras nas infraestruturas viarias do municipio. “É imprescindible priorizar investimentos nas vías de comunicación, cun polígono ben comunicado, atendendo ás necesidades dos veciños e veciñas, pero tamén poñendo os elementos que faciliten o desenvolvemento económico”.

Lujan Ramos PSOE Cervo
0.19008803367615