Luisa Aguado inicia as presentacións do seu novo libro o día 15

AMariñaXa
A actriz e escritora galega afincada na Mariña Luisa Aguado inicia o xoves en Lugo a presentación do seu poemario Mi Capitana/Mis heroínas.
Luisa Aguado Mi capitana libro
7 Apr 2021

A actriz e escritora galega afincada na Mariña Luisa Aguado iniciará esta semana en Lugo a presentación do seu poemario Mi Capitana/Mis heroínas nunha xira que a levará por diferentes vila da península ibérica e outros destinos internacionais.

A primeira cita será na capital luguesa, o día 15 de abril, xoves, no centro cultural do Vello Cárcere para continuar na casa museo Casares Quiroga, na Coruña, a finais de este mesmo mes.

Pero Luisa Aguado fará tamén as súas presentacións na Mariña luguesa, pero nesta ocasión será de cara ao verán. De feito, en Foz coincidirá coa celebración da feira do libro, entre o 16 e o 19 de agosto. Nos concellos de Mondoñedo, Burela e Viveiro tamén está prevista a presentación do libro, pero de cara ao verán.

Nestas presentacións está prevista a intervención da autora cun breve percorrido pola súa traxectoria profesional para pasar a continuación a emplicar as motivacións que a levaron a facer esta obra.

Finalmente, haberá un pequeno recital interpretativo dos poemas do libro, que irá acompañado dunha proxección de imaxes do fotógrafo Damian Varela.

O libro é un dobre poemario de verso libre que fala da busca da liberdade persoal ,o reencontro co poder interior e a procura da paz. Son uns belos poemas cheos de forza e vitalidade, inspiradores que empuxan a buscar a verdade interior e o obxectivo como seres humanos.

O libro véndese habitualmente en Amazon (non en librerías), e tamén poderán adquirirse nas diferentes presentacións que se realicen.

LUISA AGUADO

Nacida na Coruña, Luisa Aguado descríbese dicindo que exerce de “actriz principalmente e de escritora en segundo termo”. A artista viviu, ademais de na súa cidade natal de onde se foi moi nova, en lugares coma Santiago, Bruselas Madrid, Lanzarote e Nova Iorque. Agora, afincouse na Mariña trala súa intensa etapa no outro lado do océano.

“Volvín a España porque quería coller forzas, quería volver a Galicia, a un pobo pequeno. Despois de ollar moito, pensei na zona da Mariña. Fixeime nuns apartamentos de Barreiros, a xente acolleume cos brazos abertos e quedeime. Logo mudeime a Foz  por estar nun núcleo máis urbano, o seu mar pareceume impresionante, o olor e o aire limpo, é un paraíso”, explica a actriz.

Para aproveitar ao máximo este paréntese na súa carreira enriba dos escenarios, Luisa viu a oportunidade para volver sacar á luz un proxecto que aínda non puidera dar a coñecer en España, o seu dobre poemario Mi Capitana Mis Heroínas. O libro presentouse en 2018 en Nova Iorque e agora espera poder amosalo pola Mariña lucense.

0.17905688285828