Luís Villares recolleu as queixas dos veciños de Mondoñedo afectados polas obras no parque eólico de As Sadónigas
Tras manter unha xuntanza cos veciños de Mondoñedo afectadas polas obras do parque eólico de As Sasdónigas, xestionado por Norvento, o voceiro de En Marea Luís Villares, acompañando polo voceiro de En Marea Mondoñedo Manuel Germade, anunciou que o grupo parlamentario trasladará á Cámara galega as demandas veciñais, motivadas pola afectación de elementos patrimoniais, coma o Camiño de Santiago, un xacemento romano que se descubriu na contorna e outros bens como unha neveira localizada na zona do parque ou a chamada Calzada Vella, o Camiño real que comunicaba a vila con Betanzos e Ferrol.
No caso do Camiño de Santiago, Luís Villares informou que En Marea xa presentou unha demanda colectiva perante o organismo ICOMOS, que se dedica á conservación e protección de monumentos e do patrimonio cultural. "Decidimos plantexar unha denuncia colectiva pola afectación do Camiño en varios tramos, en Mondoñedo, Oia e en Touro porque nos tres casos está habendo afectación ao propio Camiño de Santiago como consecuencia de obras autorizadas pola propia Xunta de Galicia e non entendemos que en plena expansión do Xacobeo e de promoción do Camiño para o vindeiro Ano Santo estean permitindo a mina de Touro, cun destrozo patrimonial, paisaxístico e visual evidente, neste caso co destrozado completo do propio trazado e en Santa María de Oia deixando caer o propio mosteiro", sinalou o voceiro de En Marea, en referencia a tres casos nos que a Xunta está poñendo en perigo os valores que protexen o Camiño de Santiago.
A maiores dos elementos patrimoniais, as obras levadas a cabo por Norvento están tamén afectando a unha turbeiras ubicadas en Rede Natura e cun alto valor ecolóxico. "Tampouco se documentaron no seu momento fontes e acuíferos que tiñan que ter informado no plan sectorial antes de implantarse os parques", denunciou Villares.
Finalmente "dende o punto de vista do procedemento expropiatorio houbo varias irregularidades, pois fraccionouse como dous parques o que realmente é un parque só, unhra fraude para pagar menos impostos e para evitar trámites de carácter ambiental, ademais de estaren omitindo trámites da Lei de expropiación forzosa que están prexudicando os propios afectados que non poden alegar en prazo".
O voceiro de En Marea comprometeuse a trasladar todas estas reivindicacións ao Parlamento de Galicia. "Pediremoslles explicacións porque nos parece un atropelo a todos os veciños de Mondoñedo e a toda a poboación en xeral, dado que o Camiño nos afecta a todos e todas", concluiu.