Luís Alonso Girgado será nomeado Cunqueiriano de Honra de 2026 en Mondoñedo

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
O ensaísta e crítico literario recibirá a distinción o 28 de febreiro no Salón de Plenos do Concello, nun acto institucional ao mediodía
Mondonedo-Cunqueriano-de-Honra-2026-Luís-Alonso-Girgado
2 Feb 2026

O ensaísta, crítico literario e investigador Luís Alonso Girgado será distinguido como Cunqueiriano de Honra de 2026 nun acto que terá lugar o sábado 28 de febreiro, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo. O homenaxeado estará acompañado por diversas autoridades e representantes do ámbito cultural, nunha cerimonia coa que se recoñece a súa ampla traxectoria vinculada ao estudo e difusión da figura de Álvaro Cunqueiro.

Con este nomeamento, Luís Alonso Girgado convértese no décimo persoeiro en recibir esta distinción desde a súa creación. O galardón é promovido conxuntamente polo Concello de Mondoñedo e pola Casa Museo Álvaro Cunqueiro, co obxectivo de poñer en valor o traballo de quen contribuíu de maneira destacada á proxección e coñecemento do escritor mindoniense.

A decisión foi adoptada por unha comisión designada especificamente para este fin polos organizadores do acto, que acordou por maioría premiar a sólida e prolongada traxectoria dun dos máis recoñecidos especialistas na obra cunqueiriana. O xurado estivo integrado por César Cunqueiro, fillo do escritor; Xosé Manuel Soutullo, director xeral da Editorial Galaxia; Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías; Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo; Abel Vigo García, técnico municipal; Miguel González Somovilla, xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro; e Armando Requeixo, coordinador da Casa Museo Álvaro Cunqueiro.

Nado en Ferrol en 1946, Luís Alonso Girgado é unha das figuras máis salientables do ensaio e da crítica literaria galega das últimas décadas. Catedrático de Lingua e Literatura, desenvolveu tamén unha intensa labor investigadora e institucional, sendo durante anos secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Ao longo da súa carreira destacou de maneira especial polo seu labor como editor e estudoso da obra de Álvaro Cunqueiro, asumindo a responsabilidade de importantes publicacións que recompilan e analizan textos do autor mindoniense, tanto en prensa como en formato libro. Ademais, impulsou proxectos editoriais, edicións facsímiles, poemarios e materiais audiovisuais que contribuíron decisivamente a afondar no coñecemento da produción literaria e xornalística de Cunqueiro, así como na difusión da súa correspondencia.

Coa designación de Luís Alonso Girgado como Cunqueiriano de Honra de 2026, distinción que inclúe unha figura conmemorativa e un diploma acreditativo, o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro reforzan a continuidade dun recoñecemento que, ao longo dos anos, salientou o traballo de destacadas personalidades do mundo cultural e literario, como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Rexina Vega, César Antonio Molina, Manuel Lourenzo ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros.

⚙ Configurar cookies
0.085754156112671