Lucía Ramiro: "O cine é unha ferramenta para entender a vida"

Por Ana Somoza
Lucía Ramiro, guionista de Foz, foi unha das artífices do documental Os espazos en branco, obra galardoada cos Premios Mestre Mateo 2024. A súa paixón polo audiovisual tamén a levou a representar España no Programa de Talento Novo dos Premios LUX. Falamos con ela sobre a súa experiencia, a súa traxectoria e o papel do cine na sociedade actual.
O recoñecemento a Os espazos en branco foi un momento moi especial para todo o equipo. “Para nós foi moi emocionante, porque ao final é un proxecto que naceu dun grupo de persoas que acababamos de rematar a carreira. Fíxonos moitísima ilusión, sobre todo polo recoñecemento ao traballo, que foi moito, e tamén porque nos transmite que estamos arroupados polo sector audiovisual en si mesmo”, conta Lucía.
A noticia do Mestre Mateo colleunos por sorpresa. “Foi moi emocionante. Ser capaces de facer unha película desde cero e que a nominen para un premio, e ademais gañalo, é moi ilusionante. Estabamos absolutamente abraiados”.
O documental xurdiu dunha idea de Bruno, sobriño de Xela Arias. “Cando se soubo que lle ían dedicar o Día das Letras Galegas en 2021, creou este proxecto. El sempre quixo facer unha peza sobre a súa tía, polo que sentiu que era o momento perfecto”, explica.
O proceso de creación e desenvolvemento non foi doado. “Aventurámonos a intentar facer unha película, que era o noso primeiro gran proxecto para a maioría, ou polo menos o proxecto máis grande no que asumíamos os postos de máis responsabilidade”, recoñece.
O guión sufriu cambios durante o proceso. “Durante a propia rodaxe houbo modificacións, e logo na montaxe tamén, porque ata o final non ves se as cousas encaixan ou non. O proceso de creación puido durar uns dous anos, desde xaneiro de 2021 ata abril de 2023. Ademais, con eses cambios, acabou converténdose máis nun relato sobre a ausencia e a memoria. Digamos que hai todo un proceso de Bruno de empezar a falar non tanto da súa tía poeta, senón da súa tía en si mesma”.
Como en moitos procesos audiovisuais, o tempo de desenvolvemento foi longo e compatibilizouse con outros proxectos. “Parte do equipo creou a Asociación Memoria e Cinema, na que fan audiovisual vinculado á memoria histórica e traballan tamén en institutos. Miguel, o director de fotografía, está involucrado noutras producións. Cada quen foi facendo outros traballos. Pero este proxecto foi moi especial para todos nós porque era como o noso fillo colectivo”.

Os Premios LUX
Lucía tamén representou España no Programa de Talento Novo dos Premios LUX. “Son uns premios organizados polo Parlamento Europeo en colaboración coa Academia de Cine Europea, o programa Europa Media e os Europa Cinemas, que é unha rede de distribución europea”, explica.
A súa labor consistiu en dar máis visibilidade aos premios. “Nesta ocasión, os países enviaron traballadores de salas de cine. Así podemos coñecernos entre nós, crear conexións, coñecer directores, produtoras das películas, etc., para despois en cada país promover os premios e darlles máis visibilidade. O peculiar destes premios é que a película gañadora é elixida polo público”.
Cambiou a súa visión do cine tras esta experiencia? “Creo que quizais non cambiou tanto a miña visión sobre as películas en si mesmas, pero si aprendín a valorar máis o traballo que hai detrás. Foi unha experiencia enriquecedora. Coñecer a un traballador de cine doutro país, saber doutras persoas que se dedican ao mesmo, ter conversas sobre como vemos o noso traballo, a nosa relación co público...”.
Actualidade
Lucía segue vinculada ao cine. “O mesmo ano que comezamos coa película, eu comecei a traballar no cine NUMAX en Santiago e despois pasei a ser cooperativista, pois é un cine, libraría e laboratorio de gráfica e vídeo. Tiven moita sorte, pois era o cine ao que ía cando estudaba e tiven a oportunidade de formar parte del. Fíxome moitísima ilusión. Síntome moi afortunada”.
Agora mesmo, está centrada nesta etapa profesional. “Estou enfocada na cooperativa e en aprender desde este lado do cine, o da exhibición”.
Para ela, o cine ten un papel fundamental na sociedade. “O cine é unha ferramenta que existe para entender a vida, moitas veces dunha forma distinta á nosa, unha forma de aprender, de descubrir, de desconectar e mesmo de conectar con outras realidades”.
Porén, tamén é consciente das dificultades que atravesa o sector. “Os datos do último ano foron máis baixos, pero o que ofrece o cine non se pode atopar noutro lugar: a experiencia de ir, o son, a calidade, etc.”.
Desde pequena
A súa paixón polo cine xorde desde a infancia. “Desde que era pequena, os meus pais ensináronme o amor pola lectura, a música e o cine. Despois formei parte de O Feitizo e As Farangullas, dúas asociacións moi potentes en Foz”.
A súa etapa en Foz foi clave na súa formación. “No instituto falaba moito co bedel, Carlos, sobre as películas que víamos na tele a noite anterior”.
O impacto do seu pobo é evidente. “É onde pasei a miña infancia e adolescencia. Onde traballei por primeira vez nun audiovisual con Xaime Miranda, que tamén é da Mariña. Formar parte de O Feitizo e estudar na escola de música Arcadio Pardiñas fíxome sentir ese amor pola música. Hai moito cine que eu descubrín a través das bandas sonoras que me ensinaba Fernando, o profesor de música do instituto”.
Tamén destaca o papel de As Farangullas. “Houbo moitas cousas que espertaron en min. Todas estas experiencias fixéronme ser quen son”.
A quen queira dedicarse ao audiovisual, dálle un consello: “Diríalles que aproveiten as oportunidades para ver e ler moitas cousas. E logo que fagan todo o que poidan: obradoiros, formacións externas, etc. Na facultade tes acceso a moito material, os técnicos son persoas marabillosas que explican o funcionamento de todo”.
E lembra con especial cariño as súas primeiras curtametraxes: “Un dos recordos que teño da carreira é dos curtos que fixen cos meus amigos, nos que aprendemos moito e pasámolo moi ben”.
E conclúe: “En xeral, case todo forma parte do audiovisual e é algo colectivo, por iso hai que coidarse e aprender uns dos outros”.