Luces na escuridade
Por Pablo Veiga
A realidade demográfica do interior de Galicia non se pode disimular; a evolución da poboación nas últimas décadas pódese analizar a través dos distintos padróns municipais. Asistimos impasibles a unha mingua constante de veciños nas nosas aldeas, onde cada vez hai máis xente maior e menos novos.
A aparición do Covid trouxo consigo un confinamento que nunca tal se vira; as familias tiveron que ficar nos seus propios domicilios durante semanas. Esta dura experiencia fixo reflexionar a moitos sobre a calidade de vida, xa que resultou difícil manter en apartamentos e pisos de sesenta, setenta ou noventa metros cadrados a pais e fillos xuntos as vinte e catro horas do día. Aqueles que residían nunha vivenda unifamiliar eran vistos con certa envexa, xa que mentres uns estaban apilados, os outros tiñan un prado, unha horta, ou unha simple veiga onde poder estirar as pernas e respirar. Agricultores e gandeiros seguiron coa súa actividade de maneira practicamente normal; a atención ó gando e aos cultivos tivo que seguir cos seus hábitos. A raíz dese acontecemento que tanto nos afectou, si se observou certo aumento na poboación dalgúns concellos, coa chegada de novos veciños que se instalaron en zonas rurais, ben aproveitando que había unha casa familiar, ben alugando ou comprando, e incluso construíndo novas edificacións. É un feito este que si se constatou, coa correspondente alegría xeral, xa que sempre é motivo de satisfacción que a paisaxe humana aumente, sobre todo se hai pequenos polo medio. No entanto, esas novas incorporacións seguen sendo escasas para reverter a pirámide poboacional, que continúa a ser demasiado estreita por baixo e moi ancha por arriba.
De aí que cando un le novas nos xornais, como a de dous rapaces que arrendaron unha finca en plena pandemia no lugar de Ribadeume, nas Pontes, para desenvolver un proxecto de cría de gando vacún de carne, non caiban outras reaccións que non sexan de admiración e devoción cara eles pola decisión tomada. Ambición non lles falta a Javi e Álex, que decidiron instalarse nunha aldea que leva deshabitada cen anos e á que non chega a luz –curioso, estando nas Pontes-. Xa teñen 21 vacas e a idea deles é incrementar a cabana. Emprendedores e con iniciativa, estes mozos tamén apostan pola cría de ovellas e pitas poñedoras. Ademáis, esa cultura do esforzo queda certificada cando ámbolos dous combinan esta actividade gandeira con outros traballos. Sen ningún xénero de dúbidas, Javi e Álex son verdadeiro exemplo de coraxe e valor, nunha época tan complexa como a actual e cun futuro máis cheo de incógnitas que nunca. Son unha luz no medio da oscuridade, que merecen toda a sorte do mundo na súa andaina que ven de comezar. Por diante, como eles son plenamente conscientes, teñen grandes desafíos e retos, así como moito traballo para seguir medrando e poder vivir con dignidade.
Existen modelos similares a estes dous amigos, que optaron por facer vida a ras de chan e que tamén iluminan esta noite escura. Para todos eles, parabéns e moito ánimo.