Lourenzá únese á loita contra o cancro de mama cun obradoiro de musicoterapia e unha merenda solidaria

O vindeiro mércores, 30 de outubro, Lourenzá volverá amosar o seu compromiso coa loita contra o cancro de mama cunha nova edición da súa xornada solidaria “Tomámolo a peito”. A iniciativa, organizada pola Concellería de Servizos Sociais, incluirá un obradoiro de musicoterapia e unha merenda aberta a toda a veciñanza.
A actividade principal terá lugar ás 17:00 horas no Multiusos Ponte de Cuñas, onde a musicoterapeuta María Fuente impartirá o taller “Sanar dende a creatividade”. Trátase dunha proposta que combina a expresión musical coa xestión emocional, co obxectivo de fomentar o benestar e a unión entre as persoas participantes.
Despois do obradoiro, celebrarase unha merenda solidaria na que se poderán degustar mantecadas e chocolate, un momento de encontro e convivencia pensado para reforzar o espírito de colaboración. Durante a tarde levarase a cabo tamén unha colecta solidaria destinada á Asociación Española contra o Cancro (AECC), entidade á que se entregarán todos os donativos recadados.
Desde o Concello destacan que “cada pequeno xesto conta” e lembran que a loita contra o cancro é unha responsabilidade colectiva. Ademais, como símbolo de apoio a todas as persoas afectadas por esta enfermidade, un lazo rosa lucirá na fachada da casa consistorial durante toda a semana.
O goberno local agradece a colaboración da AECC e da Panadería Neli, así como a participación cidadá nunha cita que pretende concienciar e fomentar a solidariedade a través da creatividade e da convivencia.