Lourenzá presenta un amplo programa para a XXXIII Festa da Faba

AMariñaXa
Degustacións, showcookings, música, artesanía e actividades familiares encherán a vila do 3 ao 5 de outubro
cartel-Xa-festa-faba-lourenza-2025
22 Sep 2025

Lourenzá prepara xa unha nova edición da súa cita máis emblemática: a XXXIII Festa da Faba, que se celebrará do venres 3 ao domingo 5 de outubro con tres días de programación chea de sabor, tradición e lecer para todos os públicos.

Os actos abriranse o venres ás 19:30 horas no Claustro do Mosteiro de San Salvador coa presentación do libro A Faba e Nós, de Alberto V. Serantes. A continuación terá lugar unha cata comentada de viños da adega Melillas e fillos (D.O. Valdeorras) e, xa ás 21:00 horas, actuará o grupo Mar Aberto, de Foz. A xornada pecharase cunha verbena no Campo dos Bolos, coa música de Belinda e a discoteca móbil The Sound Project.

O sábado, desde as 11:00 horas, abrirán as casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo, o stand institucional do Concello da Fonsagrada e a feira de automoción e vehículos agrícolas. Pola mesma hora comezarán as demostracións de artesáns e o pasarrúas con Souto Ximaro, mentres que a rúa Fernández del Riego acollerá a XI Vespafaba & Clásicos. O pregón, a cargo de Pepe Peinó, será ás 12:00 horas, e media hora máis tarde haberá un showcooking con Andrés Torreiros. A degustación popular da faba de Lourenzá comezará ás 13:30 horas, acompañada de viños e café, e a música continuará coa orquestra Alianza, charangas e actuacións como a do grupo Tiruleque. A verbena nocturna contará coa orquestra Alianza, o cantante laurentino Jonydasvie e The Sound Project.

O domingo a actividade arrancará cedo, co mercado de fabas ao por maior desde as 8:00 horas. Haberá novos showcookings, o popular Faba Bingo, obradoiros infantís e actuacións musicais como a de La Tremenda. A degustación popular volverá celebrarse ás 13:30 horas e a clausura será cun festival folclórico no Claustro, coa participación da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e Ledicia, de Burela.

Ademais, durante a fin de semana os bares da vila servirán tapas elaboradas con fabas de Lourenzá e funcionará un tren turístico para percorrer a Ruta das Fabas. A organización tamén confirmou que, de 18:00 a 19:00 horas, haberá unha “hora silenciosa” nas atraccións infantís, pensada para facilitar a participación de persoas do espectro autista ou con hipersensibilidade ao ruído.

PROGRAMACIÓN

⚙ Configurar cookies
0.086596012115479