Lourenzá prepárase para vivir un Domingo de Piñata cheo de cor, música e premios

O Concello de Lourenzá ultíma os preparativos para unha das citas máis agardadas do seu calendario festivo: o Domingo de Piñata, que terá lugar o vindeiro 22 de febreiro. A localidade converterase nun gran escenario ao aire libre no que o Entroido volverá ser protagonista, cun desfile cheo de fantasía, creatividade e música.
A saída do desfile está prevista para as 16:30 horas e contará coa participación de comparsas, grupos e persoas disfrazadas, ademais da animación de Puzzle Animación, que achegará dinamismo e espectáculo ao percorrido. A organización repartirá máis de 5.000 euros en premios, recoñecendo o esforzo e a orixinalidade das propostas participantes.
As inscricións poderán realizarse na Biblioteca Municipal, de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas. Ademais, o propio día da celebración tamén será posible anotarse no Recinto Feiral entre as 12:00 e as 15:00 horas.
Desde o Concello avanzan que nos vindeiros días se publicarán na web municipal as bases completas do Entroido, co obxectivo de facilitar toda a información necesaria ás persoas interesadas en participar. Con esta celebración, Lourenzá reafirma a súa aposta por manter vivas as tradicións e ofrecer unha xornada festiva pensada para todos os públicos.