Lourenzá prepárase para vivir as Festas do Conde Santo 2025 con música, tradición e gastronomía

Lourenzá xa ten todo listo para gozar das Festas do Conde Santo 2025, unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo da Mariña. As celebracións arrancarán o venres 29 de agosto coa tradicional “Lenda do Conde”, unha cea no espectacular claustro do Mosteiro de San Salvador. O menú inclúe caldo, lacón, sobremesa, viño e café, e contará coa actuación do grupo La Penúltima Sabinera, tributo a Joaquín Sabina. A organización anima a veciños e visitantes a acudir vestidos con traxes de época para recrear a atmosfera histórica da xornada.
O sábado 30 de agosto, a música será protagonista coas sesións de vermú e verbena amenizadas polo grupo Alaska e o Grupo D. Kriss, garantindo unha noite de festa e baile.
As actividades continuarán o domingo 31 de agosto, cando a verbena correrá a cargo do Grupo D. Silva, que compartirá escenario coa orquestra América, un clásico das festas galegas que fará vibrar ao público co seu amplo repertorio.
Finalmente, o luns 1 de setembro, a programación pecharase cunha sesión vermú a cargo do Dúo Epo-K, que porá o punto final a unhas festas pensadas para todas as idades.
Organizadas pola Asociación Conde Santo en colaboración co Concello de Lourenzá, estas festas combinan cultura, música e gastronomía, converténdose nun encontro imprescindible tanto para os veciños como para quen se achegue dende outros puntos da comarca.