Lourenzá prepárase para despedir as Escolas Deportivas cunha gran cea-baile chea de festa e emoción

AMariñaXa
O evento celebrarase o sábado 7 de xuño e incluirá xogos, música, premios e participación das familias
lourenza-cea-escolas-deportivas 2025
24 May 2025

A edición número vinte e nove das Escolas Deportivas de Lourenzá chega ao seu final, e faino cunha das citas máis agardadas do ano: a gran cea-baile de clausura, que terá lugar o sábado 7 de xuño na área da Ponte de Cuñas. A xornada combinará deporte, diversión e moita emoción para despedir o curso 2024/2025 por todo o alto.

A festa comezará xa pola tarde, coas tradicionais partidas de fútbol 8 entre os equipos formados por nais, pais e adestradores contra os distintos grupos de nenos e nenas das escolas (prebenxamíns, pitufos, benxamíns e alevíns). A partir das 21:15, terá lugar a xuntanza do alumnado cos seus adestradores para a entrada conxunta no recinto.

Desde as 21:30, os máis pequenos poderán desfrutar de inchables gratuítos e dunha actuación musical en directo. Ás 22:00 dará comezo a cea-baile, cun menú composto por empanada, churrasco, chourizo, sobremesa e café. A velada culminará coa entrega de premios e coa sesión musical dun DJ en directo, que animará a festa ata ben entrada a noite.

A actividade está organizada polas Escolas Deportivas de Lourenzá coa colaboración do Concello, e é gratuíta para todo o alumnado participante nas escolas, que deberá inscribirse antes do luns 2 de xuño a través dun formulario. Para o resto do público, as entradas están á venda por 15 euros (adultos) e 10 euros (nenos que non pertencen ás escolas), en Morrigan (Lourenzá) e na Carnicería Ben&Vior (San Cibrao).

Desde a organización destacan que esta cita supón “un momento moi especial para o alumnado, as familias e o equipo técnico”, e convidan a toda a veciñanza a sumarse á celebración dunha xornada que cada ano medra en participación e entusiasmo.

⚙ Configurar cookies
0.17737698554993