Lourenzá pon en marcha unha nova edición dos campamentos de verán

O Concello de Lourenzá abre unha nova edición dos seus tradicionais campamentos de verán, dentro do programa “Tempo de Lecer”, unha iniciativa pensada para ofrecer alternativas de ocio educativo á infancia durante as vacacións escolares e, ao mesmo tempo, favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.
As actividades terán lugar entre o 23 de xuño e o 5 de setembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, con servizo adicional de madrugadores de 8:00 a 9:00 h. A proposta inclúe obradoiros, xogos cooperativos, xincanas, saídas, encontros interxeracionais e iniciativas en colaboración co tecido asociativo local. Tamén se desenvolverán dinámicas arredor da igualdade e da corresponsabilidade.
As familias poderán optar por diferentes modalidades de participación: semanal (15 €), quincenal (30 €) ou mensual (60 €). O campamento está dirixido a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2021.
Nos vindeiros días publicaranse as bases completas e o formulario de inscrición, polo que dende o Concello recoméndase estar atentos aos canais oficiais para non perder prazos.