Lourenzá mellorará os bens e recursos que se atopen no Camiño ao seu paso polo municipio

AMariñaXa
O Concello de Lourenzá vén de conseguir unha axuda para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento
concello de lourenza
12 May 2022

O Concello de Lourenzá vén de conseguir unha axuda para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago. A contía da subvención ascende a 14.855 euros e para a realización destas obras o Concello fai unha achega de 4.952 euros xa que o presuposto total das actuacións ascende a 19.807 euros.

Anunciouno a alcaldesa, Rocío López, quen explica que “entre as actuacións incluídas no proxecto está a renovación do chan existente na baixada pronunciada que dá entrada ao Camiño en Lourenzá. Esta pendente esvaradía é un perigo en días de choiva para os viandantes, por iso optamos por renovar o chan e mellorar así a seguridade das persoas peregrinas. Ademais levaranse a cabo actuacións de mantemento, limpeza e axardinamento da zona para buscar unha maior harmonía con materiais máis acordes a contorna. Tamén se reparará a varanda metálica da nova Ponte da Pedra, que se atopa en mal estado debido as inclemencias meteorolóxicas. Procederase á limpeza e eliminación de defectos, decapado, lixado e posterior pintado nunha cor escura ou neutra que respecte a paisaxe circundante”.

A rexedora destacou que “con estas intervencións acondicionamos o punto de entrada do Camiño Norte no casco urbano. É importante seguir mellorando os servizos aos peregrinos e aproveitar o forte impulso e as oportunidades  que supón o Camiño Norte para Lourenzá”. 

0.16562700271606