Lourenzá mellorará a estrada LU P 2801 tras a proposta do BNG

AMariñaXa
O BNG de Lourenzá presentou no Pleno municipal unha moción para a mellora da estrada LU P 2801 ao seu paso polo concello
lourenza_lu_p_2801
Concello de Lourenzá
16 Maio 2024

O BNG de Lourenzá presentou no Pleno municipal unha moción para a mellora da estrada LU P 2801 ao seu paso polo concello que foi aprobada por unanimidade dos 3 grupos que compoñen a corporación. Nesta moción recóllese que nesta estrada, no seu paso pola parroquia de Santo Tomé presenta un paso estreito por mor dunha edificación sen habitar da que os propietarios están a favor do seu derrube e os propios técnicos do Servizo de Vías e Obras da Deputación Provincial viron viable eliminar e completar a beirarrúa.

Isto non só melloraría as comunicacións senón que tamén incrementaría a seguridade dos viandantes. Nas curvas de entrada a parroquia de Santo Adrao tampouco hai beirarrúas, e o cruzamento con camións articulados e de grande tonelaxe dificultan a circulación con seguridade posto que queda pouco marxe de calzada para manobras seguras. Por isto faise preciso buscar unha solución que permita a circulación e convivencia con seguridade entre todo tipo de vehículos e peóns.

No Pleno, a instancias da concelleira do BNG, Belén Fanego, acordouse instar a Deputación de Lugo, titular de dita vía a facer un estudo para dar solución a esta estrada de xeito que todos os usuarios poidamos convivir sen perigo e aumentando a seguridade, facendo máis doado o acceso de vehículos pesados a calquera industria que queira instalarse na zona, pois trátase de poñer en valor o patrimonio e o desenvolvemento económico desta localidade fundamentalmente rural.

Estas actuacións servirán para atender as necesidades dos veciños, fixar poboación, e sobre todo para mellorar a súa calidade de vida cunhas infraestruturas viarias acordes as necesidades de Lourenzá e dos concellos veciños de Riotorto e A Pontenova que tamén se beneficiarían destas melloras. mellora da estrada LU P 2801

0.18820095062256