Lourenzá mellora as súas infraestruturas públicas cun investimento da Xunta de 135.000 euros

AMariñaXa
As actuacións incluíron a creación dunha área de autocaravanas, a reforma de parques infantís e o arranxo de camiños municipais
Lourenza-Mellora-Pista-Rural-2025
3 May 2025

O Concello de Lourenzá vén de experimentar importantes melloras nas súas infraestruturas públicas grazas a un investimento global de 135.000 euros achegado pola Xunta de Galicia. Así o comunicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita oficial á nova área de autocaravanas habilitada na zona verde do Ranchito.

Esta nova instalación turística, financiada integramente con fondos do programa de Turismo de Galicia, contou cun orzamento de 30.000 euros. Está situada nunha parcela de preto de 750 metros cadrados e dispón de catro prazas de estacionamento, ademais de mobiliario urbano e conexións de auga, luz, saneamento e iluminación, co obxectivo de atraer visitantes e mellorar os servizos para este tipo de viaxeiros.

Noutra liña de actuación, a Consellería do Medio Rural acometeu obras de acondicionamento en 2,6 quilómetros de camiños municipais nas parroquias de Telleira, Souto Vello e O Chantado. Cun investimento de case 69.000 euros, as intervencións incluíron a reparación de deformacións, estendido de novo pavimento —con tripla rega asfáltica en Telleira—, limpeza de gabias e instalación de sinalización viaria.

Ademais, a través do apoio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, reformáronse os parques infantís da Gracia e Santo Tomé cunha achega de 36.100 euros. As obras consistiron na instalación de novo pavimento de caucho e na renovación dos elementos de xogo e columpios, co fin de mellorar a seguridade e comodidade dos espazos dedicados á infancia.

Javier Arias subliñou que a Xunta continúa traballando en colaboración cos concellos rurais “para mellorar os servizos públicos, consolidar poboación, dinamizar a economía local e fomentar o turismo en zonas do interior”.

⚙ Configurar cookies
0.19326305389404