Lourenzá insiste ante a Xunta para abordar o problema das pombas en Vilanova

AMariñaXa
A alcaldesa reitera a solicitude á Consellería de Medio Ambiente para determinar se existe unha praga e definir medidas de control
pomba-ave
4 Feb 2026

O Concello de Lourenzá volveu dirixirse á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para reclamar unha resposta á problemática xerada pola presenza de pombas no casco urbano de Vilanova. A alcaldesa, Rocío López, explicou que se trata dunha cuestión que preocupa á veciñanza e que afecta tanto a vivendas particulares como a distintos edificios da zona.

Segundo detallou a rexedora municipal, o Concello remitiu novamente un escrito á administración autonómica no que solicita que se avalíe a situación e se determine se a presenza de pombas pode considerarse unha praga. Esta petición xa fora trasladada con anterioridade á Consellería, sen que ata o momento se recibise contestación oficial.

Rocío López lembrou que a iniciativa parte dun acordo plenario aprobado por unanimidade polos tres grupos políticos que integran a corporación municipal. A través dese acordo, o Concello solicitou á Xunta indicacións claras sobre o protocolo que se debería seguir para o control ou posible erradicación da poboación de pombas, sempre dentro da legalidade vixente e con criterios técnicos.

A alcaldesa subliñou tamén a vontade do goberno local de colaborar de maneira activa con todas as administracións implicadas. Nesa liña, manifestou a disposición do Concello a traballar conxuntamente coa Xunta de Galicia e co Bispado para buscar unha solución consensuada e eficaz que permita poñer fin a unha situación que, segundo indicou, está a causar un impacto negativo continuado no casco urbano de Lourenzá.

gaivota-patiamarela-2
⚙ Configurar cookies
0.082069158554077