Lourenzá incorpora unha sección de ciclismo nas súas Escolas Deportivas

As Escolas Deportivas do Concello de Lourenzá deron un novo paso adiante coa creación dunha sección de ciclismo, aberta a todas as persoas que desexen gozar da bicicleta, do duatlón e do deporte en xeral. A iniciativa foi presentada nun acto no que participaron a alcaldesa Rocío López García, o presidente das Escolas, Pablo Maseda, o vicepresidente Miguel Gavín, así como Manuel Otero “Cadramón”, en representación da Xunta de Galicia, e José Manuel López Otero.
O proxecto contará cun referente no mundo do ciclismo, Jesús García Muruais, que será o encargado de dirixir os adestramentos e guiar aos rapaces e rapazas neste novo reto deportivo. As sesións celebraranse os venres pola tarde, co obxectivo de compartir experiencias e preparar a participación en competicións federadas de ciclismo e duatlón en Galicia, Asturias e León.
Desde a organización destacan que esta nova sección supón unha oportunidade para fomentar hábitos saudables e ampliar a oferta deportiva municipal. “Queremos que sexa un espazo aberto, no que poidan aprender, mellorar e, sobre todo, desfrutar da bicicleta”, sinalaron durante a presentación.
As persoas interesadas en unirse poden inscribirse a través do correo escolaslourenza@gmail.com ou cubrir directamente o formulario dispoñible en liña.