Lourenzá impulsa a formación dixital con tres cursos gratuítos no mes de marzo

O Concello de Lourenzá converterase en marzo nun punto de referencia para a formación tecnolóxica no rural coa organización de tres cursos gratuítos orientados á mellora das competencias dixitais da poboación. A iniciativa intégrase no programa E para Dixitalizarse Lugo, promovido pola Deputación Provincial e financiado con fondos europeos Next Generation.
A alcaldesa, Rocío López, explicou que estas accións buscan “achegar a aprendizaxe dixital á poboación do ámbito rural e favorecer o uso das novas tecnoloxías na vida diaria”, incidindo na importancia de facilitar recursos prácticos que permitan gañar autonomía no manexo de ferramentas electrónicas.
Un dos cursos estará centrado na robótica e desenvolverase no CEIP Juan Rey os días 10 e 17 de marzo, dirixido ao conxunto do alumnado do centro. Pola súa banda, o Multiúsos Ponte de Cuñas acollerá outras dúas propostas formativas. A primeira, destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, abordará cuestións relacionadas coa intelixencia artificial e terá lugar tamén os días 10 e 17 de marzo en horario de 19:00 a 22:00 horas.
A terceira actividade estará aberta á veciñanza en xeral e centrarase en contidos como a Chave 365, o certificado dixital e outras ferramentas básicas para realizar trámites coa administración. Esta formación impartirase os días 11 e 18 de marzo de 17:00 a 19:30 horas.
Rocío López animou á cidadanía a inscribirse e “aproveitar esta oportunidade de formación gratuíta”, destacando que se trata de cursos “moi prácticos, pensados para as xestións habituais do día a día e orientados a favorecer a inclusión tecnolóxica de toda a veciñanza”.