Lourenzá conmemorará o Día da Muller cunha andaina e un café coloquio
O Concello de Lourenzá conmemorará o Día da Muller cunha andaina e un café coloquio, actividades que se celebrarán o vindeiro martes, 8 de marzo.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, anuncia: “este ano imos facer unha andaina que leva por nome o lema Camiña con elas e que fixemos coincidir co percorrido da audioguía ficcionada Paisaxes da memoria, de Francisco Fernández del Riego, que discorre polas rúas de Vilanova de Lourenzá. Ao remate deste paseo celebrarase un café coloquio entre mulleres na sala de Servizos Sociais do Torreón dos Frades. O longo desta xornada compartiremos experiencias e vivencias de distintas mulleres, coas que queremos visibilizar a importancia que ten a muller en todos os eidos desta sociedade”.
A concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra, destaca que “o 8M é unha celebración que ten como obxectivo profundar na importancia da igualdade de xénero e de oportunidades entre todas as persoas, mulleres e homes”.
Os interesados en participar deberán anotarse nas oficinas dos Servizos Sociais en horario de 10:00 a 13:00 ou no teléfono 982.121.036. O prazo remata o vindeiro luns, 7 de marzo.