Lourenzá celebra o seu VII Certame de Teatro con oito compañías galegas e galegas convidadas

AMariñaXa
As representacións comezan este domingo e prolongaranse durante todo o mes de novembro no Multiusos Ponte de Cuñas
Lourenza-gargallada-teatro
27 Oct 2025

O Concello de Lourenzá vén de anunciar as oito obras seleccionadas para participar no VII Certame de Teatro Concello de Lourenzá, que se desenvolverá durante o mes de novembro e reunirá grupos teatrais de distintos puntos de Galicia e tamén do resto do país.

As compañías e espectáculos que competirán nesta nova edición son: Sen frores nin coroas, da Asociación 57 Palabras, de Viveiro; Sursum Corda, de O Catre Teatro, de As Pontes; Deus non quere calderilla, de The-sastre Teatro, de Barbadás (Ourense); Dona Clara, do grupo Ollomao, de Barreiros; Campanas de Bastabales, de Imaxina-T Asociación Cultural Celeuma, de Narón; Os vellos deberían namorarse e non morrer, de Teatro Coles, de Coles (Ourense); A xuntanza, da Compañía de Teatro El Ruiseñor, de Culleredo; e O caso do cadáver asasinado, de Teatro do Asteleiro da ACRD Grupo Bazán, de Ferrol.

O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, explicou que “as representacións darán comezo este domingo, 2 de novembro, ás 20:00 horas no Multiusos Ponte de Cuñas, coa obra Sen frores nin coroas, da Asociación 57 Palabras, de Viveiro”. Engadiu que “o resto das funcións terán lugar os sábados e domingos de novembro, mantendo así unha programación continua que pretende achegar o teatro a todos os públicos”.

A gala de entrega de premios celebrarase o sábado 13 de decembro e contará coa representación de Julieta en verano, das compañías Luz de Gas e El Callejón del Gato, de Xixón. A actriz laurentina Carmen de Picoaga será unha das protagonistas da obra e tamén a encargada de presentar a cerimonia, que porá o broche final a un mes de actividade teatral intensa en Lourenzá.

O Concello destacou que este certame “é xa unha cita consolidada dentro do panorama teatral afeccionado galego”, e agradeceu a participación de todas as compañías que, ano tras ano, seguen apostando por esta iniciativa cultural que fomenta a creatividade e dinamiza a vida cultural do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.057438850402832