Lourenzá celebra o décimo aniversario da Concentración de Vehículos Vespafaba & Clásicos
A concentración de vehículos Vespafaba & Clásicos celebrará o seu décimo aniversario os días 5 e 6 de outubro en Lourenzá, nun evento que se consolida como unha cita imprescindible no calendario de vehículos clásicos e motos, especialmente para os amantes da icónica Vespa. O acto de presentación contou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e organizadores do evento.
Este ano, o programa inicia o sábado 5 de outubro cunha xornada dedicada a scooters e motos clásicas. A recepción de motos comezará ás 10.00 horas na rúa Fernández del Riego, onde a partir das 12.00 se realizarán unha xincana e probas de habilidade, prometendo diversión e emoción para os participantes e visitantes. Ás 13.330 horas, os participantes emprenderán unha ruta que percorrerá o Val de Lourenzá, con paradas para pinchos e un regreso á vila para o xantar, que será servido por Catering Chao da Brea, momento no que tamén se fará a entrega de premios e un gran sorteo.
O domingo 6 de outubro estará dedicado aos coches clásicos, permitindo a participación de vehículos anteriores a 1994. Os coches estarán expostos na rúa Fernández del Riego ata as 13.30 horas, xunto á celebración da Festa da Faba, onde moitos dos modelos atraerán a atención dos visitantes. A saída da ruta, prevista para as 13:30 horas, formará un espectacular desfile que percorrerá o centro de Lourenzá, creando un ambiente festivo que culminará co xantar en Hotel A Casa Da Luz e co regreso a Lourenzá para a entrega de premios e outro sorteo previsto para as 17:30 horas.
Os organizadores destacan que a inscrición inclúe un regalo de benvida, xantar e participación no sorteo final. Os premios serán entregados a categorías como o coche ou moto máis espectacular, o máis antigo, o participante que viaxe desde máis lonxe, entre outros. A data límite para a inscrición é o mércores 2 de outubro, e as prazas son limitadas.
A alcaldesa Rocío López subliña que "cúmprense 10 anos da presenza desta actividade na Festa da Faba", recordando que o evento comezou con apenas trinta vehículos e agora atrae máis de 100 exemplares, consolidándose como un elemento esencial da festividade. A organización espera igualar ou superar os números de participación do ano pasado, que contaron con aproximadamente 80 motos e 170 coches.