Lourenzá celebra as Letras Galegas cun espectáculo infantil que homenaxea ás mulleres pioneiras da cultura galega

AMariñaXa
A obra “Dende Rosalía ata as Cantareiras”, da compañía A Xanela do Maxín, representará o 14 de maio unha viaxe teatral pola historia das grandes creadoras homenaxeadas nas Letras Galegas
letras-galegas-cantareieras
11 May 2025

Con motivo da celebración das Letras Galegas 2025, a Biblioteca Municipal Juana de Ibarbourou de Lourenzá acollerá unha nova actividade cultural destinada a cativar ao público máis novo e reivindicar o papel das mulleres na construción da literatura e do teatro galegos. Trátase do espectáculo Dende Rosalía ata as Cantareiras, a cargo da compañía A Xanela do Maxín, que terá lugar o mércores 14 de maio ás 19:00 horas no salón de actos do Concello.

Esta proposta enmárcase dentro do programa Ler Conta Moito, impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a lectura e achegar a cultura ás bibliotecas municipais mediante actividades lúdicas e educativas. Nesta ocasión, a función terá un enfoque claramente didáctico e reivindicativo, poñendo no centro ás mulleres que fixeron historia na nosa literatura.

A bibliotecaria municipal de Lourenzá, María José López Noceda, salienta que o espectáculo “pretende poñer en valor o legado de mulleres excepcionais que foron recoñecidas ao longo dos anos nas Letras Galegas, dende a pioneira Rosalía de Castro ata as cantareiras contemporáneas”. Segundo explica, estas figuras destacan non só pola súa capacidade creativa, senón tamén polo seu compromiso social e pola súa achega decisiva á cultura galega.

A través dunha posta en escena dinámica e accesible para o público infantil, Dende Rosalía ata as Cantareiras propón unha viaxe pola historia da creación literaria e escénica feita por mulleres en Galicia, subliñando os fitos máis importantes e os nomes propios que marcaron un antes e un despois.

Con esta iniciativa, a Biblioteca de Lourenzá reafirma o seu compromiso coa divulgación da cultura galega e coa igualdade, facendo das Letras Galegas unha celebración viva, participativa e inclusiva, tamén para as novas xeracións.

⚙ Configurar cookies
0.14600396156311