Lourenzá celebra a terceira edición da Feira do Cabalo o domingo 29 de outubro

AMariñaXa
Lourenzá celebrará a terceira edición da Feira do Cabalo o vindeiro domingo 29 outubro.
presentación da iii feira do cabalo en lourenzá
22 Out 2023

Lourenzá celebrará a terceira edición da Feira do Cabalo o vindeiro domingo 29 outubro. A cita, que comezará ás oito e media da mañá, incorpora na súa programación a presenza doutras especies á feira, a opción de compra venda de exemplares, paseos a cabalo gratis e unha exposición fotográfica.

O evento foi presentado o venres pola alcaldesa, Rocío López, e por representantes da Asociación de Criadores de Cabalode Pura Raza Galega (PURAGA) e do colectivo Cabaleiros de Lourenzá, creado recentemente. A rexedora municipal comentou que se trata dunha boa iniciativa “que cada ano ten mellor aceptación e acollida”.

Deste xeito, a participación de exemplares cada edición é maior e tamén asiste máis xente á feira. Nesta ocasión, ademais dos concursos que viñeron celebrándose dende hai anos, tamén haberá presenza doutras especies de animais na feira. “Agardamos que vaia consolidándose como un referente nas feiras dedicadas aos cabalos de pura raza galega e que sirva para seguir mantendo viva e presente esta raza de equinos”, engadiu a alcaldesa.

Este ano haberá novidades como a compra venda de animais e, ademais de cabalos, haberá vacas, ovellas, cabras e porcos. “Esperamos que veñan bastantes exemplares, polo que nos comentaron os gandeiros cos que falamos”, asegurou o presidente da asociación Cabaleiros de Lourenzá, Diego Terrón. Ademais, ofreceranse paseos a cabalo gratis, haberá unha exhibición de diferentes razas que realizan o paso de andadura e instalarase unha exposición de fotos antigas “sobre como eran as feiras e unha mostra de aparellos tradicionais, como monturas, entre outras actividades”.

cartel III feira do cabalo de lourenzá
0.18331408500671